Es quen de atopar o loro Ravachol no cartel da programación do Entroido 2018?

Pontevedra
06 de febreiro 2018

Este martes presentábase no Concello a programación do Entroido 2018 en Pontevedra. Os pregoeiros serán os integrantes da murga Os do Val do Lérez, que levan 15 anos participando nesta festa

Presentación da programación Entroido 2018
Presentación da programación Entroido 2018 / Mónica Patxot
Así será o pregón de Os do Val do Lérez para o Entroido 2018 /

A murga Os do Val do Lérez, gañadora da final de 2017 do concurso pontevedrés de murgas, será a encargada de dar lectura ao pregón de inicio das festas de Entroido de 2018 que se celebrará na Praza da Ferrería este venres 9 de febreiro despois de que o alcalde reciba a Urco, o rei destas festas.

Este martes, a concelleira Carme da Silva e Johny Güimil, da agrupación que se encargará do pregón, explicaban como se desenvolverá este arranque das festas máis divertidas do ano. Güimil explicaba que ofrecerán algo de teatro, ademais de elementos xestuais e mímicos co mesmo disfrace que hai 13 anos utilizaron na súa primeira intervención no certame de murgas.

Será o pistoletazo de saída para unha celebración que durará ata o sábado 24 de febreiro con diferentes actos. As principais novidades desta edición céntranse na presenza de tres barcos pequenos de construción local na Noite Pirata, que acompañarán ás tres embarcacións de gran tamaño. A concelleira de Festas, Carme da Silva, sinalaba que outra das novidades será a dotación dun quinto premio de 400 euros no concurso de Murgas que se desenvolve no Pazo da Cultura o luns, mércores e xoves da vindeira semana.

Este ano tamén cambiará de localización a instalación da botica de Perfecto Feijoo na praza da Peregrina, debido ás obras que se están levando a cabo na fachada dun edificio onde habitualmente se situaba esta estrutura, nas proximidades do loro Ravachol.

A última novidade desta edición chegará coa Mostra da Parodia, o venres 16 de febreiro, na que está previsto que a entrega de premios se desenvolva unha hora antes que nos anos anteriores. Desta forma, está previsto que se adiante ás 01.00 horas. 

CARTEL DO ENTROIDO

O debuxante e ilustrador Kiko da Silva volve ser o creador do cartel para o Entroido pontevedrés. Nesta ocasión propón un xogo, buscar ao Ravachol na imaxe deste mapa que recolle un plano das rúas do centro histórico da cidade, que son vistas por un pirata de bigote vermello apoiado nunha árbore. O loro aparece reflexado na forma da contorna da cidade.

O autor sinalou que cada vez é un reto máis difícil realizar este traballo e que nesta ocasión consultara documentación entre a que atopara un plano dos anos 50 das rúas da zona monumental onde se atopou co coñecido loro, personaxe principal das festas. No reverso do cartel aparece, ademais, reflectido o programa deste Entroido que volverá encher de colorido as rúas da cidade.

 

PROGRAMACIÓN DE ENTROIDO

VENRES 9 DE FEBREIRO

20.00 horas, Praza da Ferraría. Degustación de filloas de Entroido
21.00 horas, Praza da Ferraría. Recepción do alcalde a Urco, rei do Entroido, quen chegará a Pontevedra acompañado do seu séquito e das comparsas Os Canecos, Amoriños de Bora, Las Flores del Carnaval, Os Solfamidas e Os Paparrulos.
Lectura do pregón a cargo da agrupación Os do Val do Lérez

SÁBADO 10 DE FEBREIRO

11.00 horas. Pasarrúas polo centro histórico da comparsa Os Canecos
16.00 horas, José Malvar. Concentración dos participantes no desfile para realizar a inscrición e recollida do número de participación
17.00 horas. Desfile do Entroido. Saída dende a rúa José Malvar; percorrerá as rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, praza de España e rúa Alameda
20.00 horas, Praza da Ferraría. Celebración da festa do Entroido durante a que se fará entrega dos premios do concurso de disfraces en cada unha das modalidades.

LUNS 12 DE FEBREIRO

17.00 horas, Praza da Verdura. Obradoiros de xogos e disfraces
19.30 horas, Praza da Peregrina. Presentación do loro Ravachol e recreación da botica de don Perfecto Feijoo.
21.00 horas, Pazo da Cultura. Primeira eliminatoria do XXVII Concurso de Murgas

MARTES 13 DE FEBREIRO

17.00 horas, Praza da Ferraría. Festa Pirata de Entroido Infantil
22.00 horas, Noite Pirata. Desembarco da tripulación do Burla Negra no centro histórico. A continuación animación de rúa coas comparsas: Os da Caña, Solfamidas, Las Flores del Carnaval, Os 100 Tolos, Os Paparrulos, Os Canecos, Amoriños de Bora, Olodum do Coio, Vamos a Todo e Equipo Ja.

MÉRCORES 14 DE FEBREIRO

17.00 horas, Praza da Peregrina. Obradoiro: As máscaras de Ravachol
17.00 horas, Campo da festa de Cabaleiro. Recuperación do Entroido tradicional de Campañó. A Corrida da Rosca
18.00 horas, Centro Cultural de Campañó. Festival infantil do Entroido
18.00 horas, Discoteca Daniel. Baile de disfraces para persoas maiores.
21.00 horas, Pazo da Cultura. Segunda eliminatoria do XXVII Concurso de Murgas

XOVES 15 DE FEBREIRO

21.00 horas, Pazo da Cultura. Final do XXVII Concurso de Murgas

VENRES 16 DE FEBREIRO

22.30 horas, Prazas e rúas da cidade. XXIII Mostra da Parodia do Entroido

SÁBADO 17 DE FEBREIRO

12.00 horas, Praza da Peregrina. Recreación da botica de don Perfecto Feijoo, actuación de Foula e Os Alegres
18.00 horas, Praza da Verdura. Comezo do velorio de Ravachol na sala mortuoria.
21.00 horas. Saída do cortexo fúnebre dende a praza da Verdura acompañado do seu séquito e das comparsas Amoriños de Bora, Os Canecos, Os Paparrulos, Os Solfamidas, Os 100 Tolos, Las Flores del Carnaval, Vamos a Todo e Os da Caña percorrendo as rúas San Román, Ferraría, paseo Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Sabela II, Rúa Real, Sarmiento, Pasantaría e praza da Ferraría.

Arquivado en