O colectivo Vaipolorío levou a cabo este sábado unha xornada de erradicación nas marxes do río dos Gafos de exemplares da especie-invasora coñecida como "herba da Pampa" que non fai máis que incrementar gravemente a degradación das marxes do río.
Coa axuda de mozos do programa de Voluntariado Europeo Erasmus, iniciaron o traballo pola maán diante da Estación de autobuses de Pontevedra.
A Cortaderia selloana ou Herba da Pampa é unha gramínea invasora incluída no "Listado y Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras". Segundo o Real Decreto 630/2013, as especies exóticas invasoras constitúen unha das principais causas de perda de biodiversidade no mundo, circunstancia que se agrava en hábitats e ecosistemas especialmente vulnerables.
Esta herba veu de sudamérica polos anos 1980, simplemente como planta decorativa. Alguén pensou que na autoestrada sería un bonito ornamento e de norte a sur espallouse por toda Galicia. En cada un dos seus plumeiros atópanse máis de 100.000 sementes que se propagan con facilidade cada vez que pasa un coche. Desgraciadamente converteuse nunha nova peaxe.
Hai que arrincalas por medios mecánicos xa que tolera tanto as altas temperaturas e os periodos de seca como as xeadas invernais.
Ésta é unha das leccións que aprenderon esta semana os alumnos de 5º de Primaria do colexio Froebel que acompañaron aos integrantes do colectivo Vaipolorío nunha andaina didáctica polo Gafos.