Para o BNG, Ernesto Filgueira é o "líder" e o "referente" que necesita o partido para regresar á corporación municipal de Cotobade -agora xa fusionado con Cerdedo- tras oito anos sen representación. El será o candidato nas eleccións de maio.
Coñecido pola súa presenza en colectivos sociais, veciñais ou empresariais en Pontevedra, Filgueira leva máis de trinta anos vivindo en Viascón e, ademais, é presidente dos comuneiros desta parroquia de Cotobade.
Esta "moi ampla" traxectoria persoal e profesional é, segundo o coordinador local do BNG, Anxo Santomé, o que converte a este autónomo na persoa "axeitada" para liderar aos nacionalistas en Cerdedo-Cotobade.
"Énchenos de ilusión que sexa o noso líder", sinalou Santomé, que destacou que Ernesto Filgueira "sabe traballar en grupo" e sempre se mostrou "comprometido con todo o que fai", polo que "reúne as mellores características que pode ter un candidato".
O propio Filgueira adiantou que se rodeará dun equipo de homes e mulleres "que cren en Cerdedo-Cotobade" e que "non se conforman" coa realidade actual. "Queremos máis para o noso concello", sinalou, avanzando que ao longo das próximas semanas reuniranse con colectivos do municipio para coñecer as súas necesidades.
O candidato nacionalista confía en "sacar un bo resultado" en maio e, para iso, esbozou algunhas das liñas sobre as que virará o programa electoral do BNG.
Así, Ernesto Filgueira adiantou que propoñerá iniciativas para fixar poboación no municipio, potenciar o turismo, cambiar os usos do monte "pouco a pouco", apostar de maneira decidida pola compostaxe, completar o ciclo da auga e do saneamento, dinamizar as casas de cultura ou poñer en valor o patrimonio arqueolóxico do municipio.
Ademais, o candidato do BNG optará por fomentar a agricultura e a gandería, por aplicar medidas de apoio á pequena e mediana empresa como xeradores de riqueza ou por dotar de certa autonomía aos maiores, con servizos de atención de día e acompañamento para acudir ao médico ou facer a compra.