O voceiro do grupo municipal do BNG no Concello de Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, ven de instar ao Partido Popular e ao Partido Socialista a se sumar á mobilización convocada polo Bloque contra os parques eólicos de Portos Vidros e Campo das Rosas, que terá lugar o vindeiro domingo 22 de maio ás 12 horas, na praza do Concello de Cerdedo.
A manifestación convócase contra "o abuso das grandes enerxéticas sobre a veciñanza e o territorio municipal en clara conivencia co goberno da Xunta sostido polo PP".
Ernesto Filgueira anima ao alcalde Jorge Cubela a se manifestar contra a fragmentación dos parques eólicos Campo das Rosas e Porto Vidros "e actuar diante da administración que dirixe o seu propio partido político, o PP, para porlle fin á tramitación dos parques" e, ademáis, ínstao "a abandoar o doble discurso mantido nas últimas semanas no que agasalla con palabras de parte á Xunta e á empresa Naturgy por un lado namentras xoga ao despiste coa veciñanza máis afectada".
Filgueira dille ao alcalde que "a todos non se pode contentar, ou apoia á veciñanza ou defende os intereses das enerxéticas e por ende as portas xiratorias do PP. No BNG non hai dúbidas: defensa clara da veciñanza, das augas e dos nosos montes".
O portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, lembra o gran rexeitamento social a estes proxectos, con mobilizacións multitudinarias, e fai un chamamento á veciñanza, entidades sociais, comunidades de montes e grupos políticos a participar na mobilización convocada para o domingo 22, conscientes de que "canto maior sexa a presión social, maior será a posibilidade de evitar a desfeita do noso territorio".