Equipo Ja, Val do Lérez, Murga do Naveiro, A Tropa de Moncha A Caralla e Leña Verde foron, por esta orde, as cinco murgas máis premiadas este ano nas dúas semifinais do XXXIII Concurso de Murgas de Pontevedra.
Serán, polo tanto, as cinco participantes na final das Murgas 2025 que se celebrará este xoves no Pazo da Cultura, de novo amenizada pola actriz e presentadora María Carrera.
Os nomes déronse a coñecer despois da segunda semifinal celebrada este mércores nun Pazo que, como sucedeu o luns, e como xa é habitual, se encheu para a ocasión.
Moito disfrace, moito humor e moita música foron os protagonistas da noite, na que a presentadora tivo un recordo para os afectados pola DINA de Valencia, aos que adicou a canción de Joan Manuel Serrat 'Mediterráneo'.
Tamén quixo acordarse María Carrera da súa nai, que vai cumprir80 anos, e da súa avoa. A elas cantoulles un tema de María Dolores Pradera.

A noite inaugurouna Equipo Ja Pontevedra cun espectáculo no que os seus compoñentes cargaron os seus bebés como pais primeirizos. O seu 'Mellorando a natalidade de Pontevedra. Padres primerizos' logrou a mellor puntuación do xurado.
As súas letras estiveron marcadas pola actualidade local, desde o parque ata os Premios Feroz, que, como sucedeu o luns, foi un tema omnipresente en case todas as murgas.
"Cando chegho ao parque, co carrito do neno, sempre vexo a Lores xogando coas netas, vexo a Rafa Domínguez con Rafita pequeno e Iván Puentes cos fillos... e eu prejúntome... Quen coño está no Concello?", bromearon en Equipo Ja.
Con ironía falaron do tráfico na cidade. "Eu traballo en Pontevedra pero vivo alá no rural. Tódolos días a mesma merda, cando quero entrar na ciudad. Hai atasco pola Barca, nos bombeiros, no pavillon. Para poder chegar cedo, saio ás cinco de Campañó". E engadiron: "Para entrar en Pontevedra, hai que ir polo sur, recorrer orillamar e entrar por Carrefour. Menuda volta que temos que dar e, despois de tres horas, aínda nos queda aparcar".
Non faltaron os aparcamentos: "Cando vou a aparcar, dentro da ciudad, fago Chas... e aparece un gorrilla". E tampouco personaxes do ano como Rafael Louzán -"Válgame Dios, Louzán, presidente da Federación"- e a princesa Leonor na Escola Naval de Marín -"no me queiro ir, descubrí un furancho, y me perverti"-.
Sobre os premios entregados o pasado xaneiro tamén chegou o seu humor: "Eu fun aos Feroz, que viña moita estrellita, e o que máis me sorprendeu foi Lores con pajarita".

Despois chegou a quenda de 'Jana de Leria', que se lembraron do Pontevedra Club de Fútbol na Copa do Rei: "Sentiron debilidad os do Villareal, Levante ou Mallorca. Viñeron pasear, deberon pensar que era fácil a cousa (...) Pontevedra é Feroz e coméronlle os collóns".
Pero, de novo, os protagonistas foron os Premios Feroz: "Para Búho Azul foron todos festejar, coca-cola para todos y algo de comer. Mucha niña tonta como a das gaivotas, si fora actuando no fasía tan ben", bromearon sobre o fin da noite da gala de entrega.
E tamén lembraron que, ao día seguiente, o temporal, levou por diante unha carpa dos premios: "Mentres, con aquela tormenta a carpa foi á merda. Quixeron reparala, non hubo maneira. Déjalo ya. E pá siguiente, non compres carpa de Ikea".

Os Arrombaos tomaron a palabra a continuación e, a ritmo de bachata, bromearon sobre a orde de peche da Sala Zennet: "Por unhas jotiñas nosas inosentes, fecharon as portas da discoteca Zennet".
E non se esqueceron dos Premios Feroz. "Mira como estamos de borrachos nós, pois aínda ¡iban peor os dos Premios Feroz". Quixeron facer un repaso polos asistentes á gala e o alcalde de Pontevedra: "E ó ver a Lores dixeron: quen é ese actor? Con pajarita e sapatos/botas de tacón. Ten que ser o novo James Bond".
Estes premios déronlles a entrada para a crítica á política local. "De Pontevedra xa se sabía que é moi bo sitio para as peliculas, Rafa Dominguez monta a súa cada dia. Di que as monxas están a roubar. Debaixo da sotana veunas sacar o órgano da coral".
A actualidade do Grove estivo tan presente como a de Pontevedra. Da man de Os Barallocas puido rir o público sabendo que, como no resto de España, se puxo de moda ir ligar ao Mercadona collendo unha piña. "Estan todos os solteiros que marchan correndo para Sanxenxo. Non va á Vichona, van pó Mercadona. Cheja aquela hora e nadie fai a compra, o único que ves: a piña dada a volta".
Tamén eles tiveron un minuto para os afectados pola DINA de Valencia. Ao ritmo de La mujer de Verde, de Izal, cantaron: "mira os afectados pola DANA, librando mil batallas, coa alma chea de lama. O pobo é o que sale axudar con uñas e dentes, non o hai que poetizar, que máis dá o color, a raza, o sexo e as ideas?".

Nos ritmos das cancións interpretadas nesta segunda noite triunfou, como sucedera o luns, La Morocha. Usárona en Leña Verde para repasar a actualidade do Grove e un dos protagonistas do ano, un xabaril na illa da Toxa: "Un jabalí de nada, media Toxa fechada, eso non é peligroso, que os porcos non traban".
"Xa están aquí as peixeiras", anunciaron. E, ao rtimo de Camilo, fixeron un percorrido por locais de Pontevedra que pecharon nos últimos tempos: "Fechao, como Gavá e Cielo. Fechao, como Massimo Dutti. Fechao, como cando vas ao Concello polo papeleo que está. Fechao, como a Sala Karma. Fechao, como Tito de la Peña".