O Equipo Ja, unha das murgas máis veteranas de Pontevedra, proclamouse onte á noite gañadora da XXV edición do Concurso de Murgas, unha das grandes citas do Entroido pontevedrés que, na súa gran final, volveu encher o auditorio do Pazo da Cultura onde non había butacas libres desde case unha hora antes do certame.
Foi a murga máis valorada polo xurado das catro que chegaran a esta final. En segunda praza quedou Os do Val do Lérez, mentres que terceiro e cuarto foron PTVIX e Os da Baiuca (O Grove), estes últimos gañadores do pasado ano.
Foi precisamente o Equipo Ja os primeiros en subirse ao escenario do Pazo da Cultura, retomando a posta en escena da fase eliminatoria cos seus membros reconvertidos en Blancanieves y los siete enanitos e con príncipe incluído: Jacobo VI de Campañó.
O público gozou coas súas coplas sobre a agresión a Rajoy, a independencia catalá, a operación Pokemon, o ascenso do Pontevedra, os premios á cidade ou a situación política da corporación local.
Posteriormente, foron actuando PTVIX, caracterizados como os personaxes do cómic que o BNG presentou na campaña electoral; Os do Val do Lérez, que volveron vestirse como fichas dun gran parchís; e Os da Baiuca, reconvertidos en cociñeiros.
En todas elas non faltaron críticas e a necesaria sorna que caracteriza ao Entroido.
A próroga a Ence, a polémica de Carolina Bescansa (Podemos) e o seu bebé ou os pactos de goberno que negocian Pedro Sánchez e Pablo Iglesias tamén tiveron o seu protagonismo nesta gran final que, en total, repartiu 7.500 euros en premios.