O 'Equipo Ja' gañou o Concurso de Murgas de Pontevedra.
En segundo lugar quedaron 'Os do Val do Lérez', seguidos da 'Murga do Naveiro', en terceiro lugar, 'A Tropa de Moncha A Caralla', en cuarto, e 'Leña Verde', quintos.
Por segundo ano consecutivo o grupo carnavaleiro pontevedrés 'Equipo Ja' logrou o primeiro premio coa súa actuación na que contaban como é a experiencia de ser un pai primeirizo.
Foron os máis aplaudidos polo público que abarrotou o patio de butacas do Pazo da Cultura e o xurado recompensoulles co Ravachol e os 1.200 euros do primeiro premio desta edición número 33.
Aquí podes ver o vídeo da final:
"Cando chegho ao parque, co carrito do neno, sempre vexo a Lores xogando coas netas, vexo a Rafa Domínguez con Rafita pequeno e Iván Puentes cos fillos... e eu prejúntome... Quen coño está no Concello?", chancearon en Equipo Ja.
Con ironía falaron do tráfico na cidade. "Eu traballo en Pontevedra pero vivo alá no rural. Tódolos días a mesma merda, cando quero entrar na ciudad. Hai atasco pola Barca, nos bombeiros, no pavillon. Para poder chegar cedo, saio ás cinco de Campañó". E engadiron: "Para entrar en Pontevedra, hai que ir polo sur, recorrer orillamar e entrar por Carrefour. Menuda volta que temos que dar e, despois de tres horas, aínda nos queda aparcar".
Coa música do grupo Álex e Cristina cantaron: "Cando vou a aparcar, dentro da ciudad, fago Chas... e aparece un gorrilla".
E acordáronse de Rafael Louzán -"Válgame Dios, Louzán, presidente da Federación" - e a princesa Leonor na Escola Naval de Marín -"no me queiro ir, descubrí un furancho, y me perverti"-.
Sobre os premios entregados o pasado xaneiro tamén chegou o seu humor: "Eu fun aos Feroz, que viña moita estrellita, e o que máis me sorprendeu foi Lores con pajarita".