"Eólica Así Non" organiza en Pontevedra unhas xornadas para a construción colectiva dun modelo enerxético alternativo

Pontevedra
11 de xaneiro 2023

As xornadas "Temos Alternativa" celebraranse os días 4 e 5 de febreiro, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Será necesario inscribirse previamente para participar

A Coordinadora 'Eólica Así Non' presentou as xornadas "Temos Alternativa"
A Coordinadora 'Eólica Así Non' presentou as xornadas "Temos Alternativa"

A Coordinadora Eólica Así Non, formada por máis de 200 colectivos, plataformas e outras entidades galegas críticas co actual modelo eólico, organizan as primeiras xornadas divulgativas e formativas "Temos Alternativa", que terán lugar os días 4 e 5 de febreiro, no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

As xornadas pretenden ser un encontro de toda a sociedade galega no que "tecer un modelo enerxético alternativo ao espolio e especulación que rexe o actual modelo das macro-eléctricas, por terra e por mar, en conivencia coas administracións públicas". 

Este espazo de reflexión colectiva afondará nos principios fundamentais nos que Eólica Así Non asenta a súa proposta alternativa dunha "enerxía xusta e sustentábel, por e para o pobo", que foron recollidos no Manifesto "Temos Alternativa" feito público o pasado 5 de xuño, polo Día Internacional do Medio Ambiente.

As xornadas pretenden ser ademais un foro de formación ou capacitación da veciñanza e comunidades afectadas no "uso de ferramentas xurídico-legais fronte a unha invasión eólica" que nas últimas semanas se viu acelerada por mor das normativas de simplificación administrativa impulsadas polos gobernos galego e estatal.

O programa do encontro inclúe 8 mesas redondas e unhas 30 persoas relatoras entre as que se atopan especialistas na análise do sector enerxético e do reto climático, docentes das universidades galegas en materia de economía aplicada, urbanismo, paisaxe e de dereito administrativo, membros de comunidades científicas e de centros de investigación expertos en transición ecolóxica, e voceiras de organizacións ecoloxistas, sindicais, comunidades de montes e das principais plataformas de colectivos afectados en Galicia que traballan na procura dun modelo enerxético "alternativo ao imposto". Tamén se incorporan ao programa voces doutros territorios que darán unha perspectiva máis global á problemática, así como científicos recoñecidos no eido da investigación sobre os límites do crecemento.

Para poder participar nas xornadas "Temos Alternativa" é preciso inscribirse previamente a través dun formulario online destinado a tal fin, ou chamando por teléfono ao 981570099, en horario de mañá. 

 

Arquivado en