(en)Volve inicia a recollida de agasallos e mantén aberta a porta a novos "cómplices" dos Reis Magos

Pontevedra
28 de decembro 2024
Actualizado: 11:59

Os "cómplices" poden entregar os agasallos na Casa Azul de luns a venres e o 2 de xaneiro comezará a entrega ás familias para que o día 6 cheguen as mans dos seus destinatarios

Agasallos entregados para o programa (en)Volve
Agasallos entregados para o programa (en)Volve / Concello de Pontevedra

O programa municipal (en)Volve ten o obxectivo, un ano máis, de que ningún neno, nena ou adolescente de Pontevedra en situación ou en risco de exclusión social quede sen o seu agasallo de Nadal.

Os "cómplices" dos Reis Magos xa comezaron a deixar os seus paquetes, perfectamente identificados, na Casa Azul.

Teñen ata fin de ano para facer a entrega, xa que o 2 de xaneiro comezará o reparto ás familias co fin de que o día 6 cheguen ás mans dos seus destinatarios.

Malia os poucos días que quedan e ao convencemento de que a demanda se cubrirá cumpridamente, mantense a porta aberta a incorporación de novos "cómplices".

Buscan así elaborar tamén unha listaxe de agarda á que recorrer en previsión de incidencias de última hora que puidesen deixar a algun neno ou nena sen a "visita" dos Reis.

Como outros anos, o perfil dos "cómplices" é moi variado. Hai homes, mulleres e familias, xente nova, adultos e maiores da terceira idade, pontevedreses e veciños doutros concellos que botan en falta unha iniciativa parecida nos seus municipios.

Ademais, tamén hai persoas que agasallan a máis dun neno ou nena ou amigos que se unen para responder a unha petición.

Os "cómplices" poden entregar os agasallos na Casa Azul (Rúa Sor Lucía, nº2), de luns a venres, en horario de 9:30 a 13:30 horas ou de 16:30 a 18:30 horas. Os que non poidan axustarse ao horario, que contacten no whatsapp de en(Volve) para buscar unha solución: número 606987743.

É importante que o agasallo teña visible o número de referencia da carta asignada e, sería desexable que tivera escrito o nome da nena ou neno como farían os Reis Magos. E tamén é necesario que leve o ticket de compra por se fora necesario cambialo por estar defectuoso.

Desde a Concellería de Benestar Social fan un chamamento aos "cómplices" para que na busca e adquisición dos agasallos acudan ao comercio local. Na campaña do 2023 deixaron preto de 12.000 euros no tecido comercial da cidade.