O Entroido é unha celebración profundamente arraigada na cultura galega, que se foi transformando a través dos séculos para adaptarse aos cambios sociais.
O antropólogo pontevedrés e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafael Quintía, destaca que esta festividade ten as súas orixes en prácticas agrarias e rituais, ligadas á terra e á fertilidade. "É a festa máis complexa e máis importante da cultura galega", afirma, ao tempo que a define como un "feito social total" que abarca múltiples dimensións: xurídicas, políticas, económicas e relixiosas.
Quintía explica que o Entroido representa a última "mascarada do ciclo invernal", un momento de transición que simboliza a expulsión do inverno e o paso a unha nova etapa "onde se recobra a vida social e renova a natureza", á vez que constitúe unha forma de "catarse e de válvula de escape para liberar as tensións acumuladas durante o ano e poder empezar o ciclo de novo".
Os ritos do Entroido están destinados a liberar tensións sociais, e os comportamentos permitidos durante a festa son un reflexo dun "caos organizado".
Quintía denuncia a idea errónea que se ten sobre o Entroido como unha festa onde "podes facer o que queiras", subliñando que, a pesar da aparente anarquía, existen límites e normas que regulan a celebración. "O Entroido é algo moi serio", remarca.
A celebración do Entroido non se limita a un simple disfrace. Quintía aclara que "no Entroido a xente non vai disfrazada", senón que os oficiantes "van vestidos" con traxes que simbolizan os seus roles dentro da celebración.
"As máscaras son os oficiantes dun rito, perfectamente estruturado", precisa Quintía, ao tempo que menciona que a configuración do Entroido é similar en gran parte de Europa e países doutros continentes como Iraq ou Marrocos, o que evidencia a súa antigüidade e universalidade.
Cada personaxe ten unha función específica, e o respecto ás súas dinámicas é esencial para a correcta realización dos rituais do Entroido. "Porque hai que saber que, por exemplo, o boteiro (Viana do Bolo) non ve polos lados, vai correndo e, se cae, mátase, porque a máscara pesa máis de 10 kilos e se pode desnucar", alerta.
Entre os rituais que se conservan, o antropólogo menciona os ritos de fertilidade, como os que se realizan no Entroido Ribeirao, en Santiago de Arriba (Chantada), onde se cruzan os campos para garantir boas colleitas.
Tamén se dan ritos de confrontación, que permiten canalizar as tensións internas das comunidades, como os os atranques entre os xenerais do Ulla, que van aos concellos da comarca e se lanzan pullas en forma de regueifas.

A sátira e a crítica social son elementos intrínsecos ao Entroido, que se expresan a través de teatriños populares e sermóns burlescos.
Un aspecto importante do Entroido é a comensalidade, que fortalece os lazos sociais entre os participantes. A época da matanza do porco, que comeza en San Martiño e remata en San Antón é especialmente significativa. "Por iso é o tempo de cargarse de proteína animal, e sobre todo de graxa, para o traballo na terra que estaba por vir".
Denominacións como o "Martes gordo" ou o "Domingo gordo" veñen desa necesidade de "cargarse de graxa", un costume que mesmo cruzou o Atlántico, dando nome ao famoso "Mardi Gras" (Martes de Graxa) de Nova Orleans.
Recentemente, Quintía e un grupo de mozos de Aguasantas iniciaron un proxecto para recuperar o Entroido desta parroquia do concello de Cerdedo-Cotobade. Coa base dun breve traballo do etnógrafo Antonio Fraguas (Cotobade, 1905-Santiago, 1999) e entrevistas aos veciños, moitos deles por riba dos 90 anos, recuperouse a memoria colectiva sobre a celebración e os seus personaxes, que se perderan nos anos 60 do século XX e que neste 2025 volven percorrer a aldea.

Tamén Quintía foi asesor para recuperar o Entroido de Soutomaior ou a tradición do Tizón de Nadal, paso previo ao Entroido, no concello de Barro, entre outras achegas.
Incide o antropólogo na importancia de sermos fieis a estes símbolos identitarios para evitar un fenómeno que se está a producir no chamado triángulo do Entroido, formado polas vilas de Verín, Xinzo de Limia e Laza: a "turistificación".
Neste sentido, tamén alerta dos Entroidos urbanos, que máis se asemellan aos carnavais do Brasil, cunha "visión totalmente distorsionada, pensando que o Entroido é saír de botellón", lamenta.
O risco de que o Entroido se desvirtúe pola presión turística é unha preocupación constante, e a divulgación é fundamental para que os visitantes comprendan o significado profundo desta celebración.
O proceso para a declaración do Entroido galego como Ben de Interese Cultural (BIC) do Patrimonio Inmaterial de Galicia, iniciado en 2024, é un paso importante para preservalo, pero Quintía advirte que "a clave é como se define o ben a conservar e a comunidade de portadores", porque iso é a base para que "se implementen unhas medidas de salvagarda e de protección dese ben".

Alude á tendencia a que, cando unha celebración ten importancia cultural, sexa declarada como Festa de Interese Turístico e, "de tanto promocionala, acaba converténdose nun espectáculo. Polo tanto, é unha cuestión de establecer un equilibrio entre o turismo e a preservación do ben".
Como dato significativo, expón que, na actualidade, só hai recoñecidos dous BIC do Patrimonio Inmaterial de Galicia: a carpintería de Ribeira e a obra de Castelao.
Nos últimos meses, Rafael Quintía envorcou parte das súas investigacións nun libro que é unha guía visual e con textos de interese para entender o Entroido galego: Descifrando o Entroido. Manual básico para entender o Entroido galego, editado por Ab Origine Edicións.
Reflexionando sobre esta obra, o antropólogo destaca a importancia de documentar e investigar estas festas para preservar a súa esencia. "É necesario facer un traballo serio de didáctica e de divulgación do Entroido galego".
En definitiva, o Entroido representa moito máis ca un simple 'carnaval'. É unha celebración que reflicte a historia, a cultura e a identidade galega.