O Enroido de Cobres continúa enchendo de cor e música cada recuncho de Vilaboa. Este sábado, aproveitando a xornada asollada, a comitiva fixo vibrar as rúas de barrios e lugares, achegando a festa a aquelas persoas maiores e con dificultades para achegarse á carpa instalada en Riomaior.
A cita mantén a tradición do Entroido de Cobres, pero este ano, ademais, incorpora ao seu repertorio a xota de San Adrián. Trátase dunha canción popular recuperada a partir das imaxes nun antigo vídeo familiar dunha das mulleres que forman parte do grupo das veteranas.
O músico pontevedrés e profesor Marcelo Dobode encargouse de recompoñer a coreografía e iniciar os ensaios coa banda de gaitas Aires de Cobres, que forma parte da asociación organizadora da festa. Sobre eles recae o peso musical do Entroido de Cobres.
O Entroido de Cobres ten catro pezas fundamentais: a danza de Cobres, a xota na eira, o 'agarradiño' (que se baila en parella) e a muñeira movida. A asociación logrou nos últimos anos recuperar algunha peza máis á que agora se suma a xota de San Adrián.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, animou este sábado á poboación a gozar desta festa. "Para entender e sentir esta festa hai que meterse dentro dela e ver como madamas e galáns, algúns moi xóvenes, sinten o orgullo de portar unha tradición tan lonxeva".

"Camiñar unha media de 15 kilómetros, danzar durante máis de 8 horas é para toda a familia do Entroido de Cobres un xeito de corresponder cos nosos antepasados, quenes con menos medios lograron que hoxe teñamos unha festa con varios séculos de historia. E para nós é unha satisfacción enorme comprobar que temos unha xuventude sana e con valores”, apuntou o rexedor.
O Concello de Vilaboa convida á cidadanía de toda a contorna a achegarse a gozar do Entroido de Cobres e descubrir a gastronomía típica destas datas da man da hostalaría local.
A concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, destaca tamén a variada oferta de aloxamento que ofrece Vilaboa para programar unha escapada coincidindo co Entroido e descubrir paraxes naturais como o entorno das Salinas ou a Ruta dos Muíños de Riomaior.

APOIO DA DEPUTACIÓN
A Deputación de Pontevedra apoia este ano o Entroido de Cobres, en Vilaboa, cunha subvención nominativa de 4.000 euros. Así llo trasladou o deputado de Cultura, Jorge Cubela, á presidenta da Asociación Cultural Cobres, Lidia Peleteiro, nun encontro onde o responsable provincial reafirmou o compromiso da institución provincial con esta Festa de Interese Turístico de Galicia.
A institución provincial destaca que se trata dunha das principais citas no calendario anual da provincia. Indican que o seu valor reside tanto na súa antigüidade (malia que se descoñece con exactitude a súa cronoloxía) como na súa continuidade a través do tempo, así como por ser o único Entroido tradicional en toda Galicia cuxas personaxes principais non levan ningún tipo de máscara. Estas, madamas e galáns, percorren as parroquias de Vilaboa coa cara descuberta lucindo a beleza e a ostentación dos seus sombreiros e os seus traxes, que poden chegar ata os catro (os deles) e os seis quilos (os delas).