Entregan o novo colector e a estación de bombeo para recoller as augas residuais de Marín

Marín
04 de febreiro 2021

A Xunta de Galicia transferíu este xoves ao Concello de Marín estas infraestruturas, que permitirán mellorar o sistema de saneamento municipal, despois das obras realizadas cun investimento autonómico superior aos tres millóns de euros. O novo bombeo permitirá os días de chuvias fortes almacenar augas máis sucias antes de envialas á depuradora

Novo colector de Marín
Novo colector de Marín / Concello de Marín

Augas de Galicia, en representación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, entregaba formalmente este xoves a representantes do Concello de Marín o novo colector e a estación de bombeo municipal.

Esta entrega forma parte das obras que se realizaron na vila cun investimento de 3,1 millóns de euros destinadas a mellorar o saneamento do municipio. As obras finalizaron en setembro pero faltaba a conexión coa subministración eléctrica, que xa se efectuou.

Unha vez comprobado o bo funcionamento dos equipos realizábase esta mañá a transferencia das instalacións ao Concello de Marín, que agora será o titular e encargarase das tarefas de mantemento.

Toda a obra supuxo a execución de 1,2 quilómetros de canalizacións novas e a instalación de bombeo que permitirán que o sistema de saneamento de Marín evite verteduras e filtracións á ría sen depurar previamente. 

O colector xeral é de maior capacidade que o anterior e conta coa particularidade de que recolle as augas residuais de Marín percorrendo a avenida de Ourense en dirección ás instalacións do porto, onde se atopa a nova estación de bombeo desas augas.

O depósito de retención do novo bombeo é de 1.500 metros cúbicos de capacidade e permitirá que, naquelas xornadas de máis precipitacións, se almacenen as augas sucias antes de que se bombeen cara á depuradora. Ademais existe a posibilidade de ampliar este depósito cando sexa necesario no futuro.

Segundo informan desde a Consellería de Infraestruturas, a este bombeo serán derivadas as augas recollidas no colector portuario e abriranse novas canalizacións para alivio e para trasladar as augas residuais ata a depuradora.

Toda esta actuación atópase cofinanciada con fondos europeos a través do programa operativo Feder 2014-2020. Desde a Xunta lembran que esta obra é de especial importancia no plan de saneamento local da ría de Pontevedra. Nese plan, desde o goberno galego invístense 45 millóns de euros con actuacións que xeraron polémica como a da estación depuradora de augas residuais da parroquia dos Praceres.

Arquivado en