Entregan á Xunta máis de 21.000 unidades de protección contra o coronavirus

Pontevedra
27 de marzo 2020

Entidades dependentes do Estado en Pontevedra remitiron á Subdelegación de Goberno un lote con 21.521 unidades de diverso material sanitario para entregalo á Xunta de Galicia. A administración autonómica será a responsable da súa repartición

Material sanitario entregado pola Subdelegación á Xunta
Material sanitario entregado pola Subdelegación á Xunta / Subdelegación do Goberno

Entidades dependentes do Estado en Pontevedra remitiron á Subdelegación de Goberno un lote con 21.521 unidades de diverso material sanitario para entregalo á Xunta de Galicia. A administración autonómica será a responsable da súa repartición.

Este reagrupamento de material na Subdelegación permite, segundo o goberno, contar con máis recursos para a loita contra o coronavirus.

En concreto, o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesourería da Seguridade Social en Vigo entregaron 762 máscaras, luvas e lentes de protección, mentres que o Instituto Social da Mariña de Vigo, a través de dous envíos, remitiu 4.528 unidades de luvas, máscaras, batas e material desinfectante.

Por último, o Instituto Social da Mariña de Bamio (Vilagarcía) proporcionou máis de 16.231 unidades de material entre desinfectante, batas, luvas de diferentes tallas, máscaras, resucitadores manuais ou máscaras de osíxeno.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, agradeceu toda esta colaboración xa que, segundo sinalou, "agora máis que nunca as relacións entre as diferentes administracións é prioritaria para cumprir coas necesidades da poboación como consecuencia da crise sanitaria que vivimos".

Todo este material será entregado aos responsables territoriais da Xunta para que realicen a repartición segundo as prioridades e coa "máxima celeridade", engadiu Larriba, que eles mesmos consideren.