Entrega de carbón da Plataforma de Seixo á xerencia da área sanitaria

Pontevedra
05 de xaneiro 2023

Tras ano e medio de protestas, a Plataforma concentrábase este xoves simbolicamente ás portas do Hospital Provincial. Representantes deste colectivo presentaron un escrito para demandar un segundo profesional médico na parroquia marinense de Seixo de forma permanente e a tempo completo

Iria Aboi e representantes da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo co carbón para a xerencia da área sanitaria
Iria Aboi e representantes da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo co carbón para a xerencia da área sanitaria / Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo

Representantes da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, integrada por 21 colectivos marinenses de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, concentrábanse este xoves 5 diante do Hospital Provincial de Pontevedra.

Alí reclamaron un segundo profesional médico para o centro de saúde desta parroquia de Marín. Iria Aboi, portavoz da plataforma, afirma que precisan este persoal de forma permanente e a tempo completo, co obxectivo de que se cubra a vacante xerada pola xubilación do doutor Manuel Martín en agosto de 2021.

O acto simbólico consistiu en trasladar carbón para a xerencia porque "non queremos que esta situación se prolongue máis no tempo" indicando que esta situación afecta principalmente ás persoas con enfermidades crónicas e ás persoas de idade avanzada.

Sinalan que desde hai un ano e medio carecen dun médico asignado. Denuncian que desde a xerencia permitiu que o outro facultativo do centro de saúde atenda unha cota de dez pacientes a diario, pero temen que, en 2026, cando este médico alcance os 70 anos, a mesma idade á que se xubilou Manuel Martín, queden sen médico e, desde o SERGAS, decidan pechar o centro de saúde de Seixo.

Culpan a José Flores, xerente da área sanitaria, de que non se cubra a vacante e negue o dereito a unha atención médica digna.

Desde este colectivo tamén responsabilizan á alcaldesa de Marín, María Ramallo, da situación "por non apoiar as reivindicacións da veciñanza nin facer presión contra os recortes #ante o seu partido na Xunta de Galicia", indica Aboi.

A plataforma tamén presentou unha solicitude por rexistro no Concello de Marín para que se lles informe por escrito sobre as reunións oficiais que Ramallo mantivo para tratar a situación do centro de saúde de Seixo.

Afirman que, se non se resolve a situación actual de falta dun segundo médico, organizarán novas protestas