Entrega das referencias catastrais para que a Xunta constrúa o novo centro de saúde de Arcade

Soutomaior
23 de setembro 2024

Este paso prodúcese tras a inscrición efectiva por parte do Concello de Soutomaior das parcelas no rexistro da propiedade e o cambio de titularidade no catastro. O goberno local pide á Xunta que inclúa nos orzamentos de 2025 as partidas para a construción do novo centro de saúde

O alcalde Manu Lourenzo e o tenente de alcalde Pablo Garrido nun dos terreos destinados ao novo centro de saúde de Arcade
O alcalde Manu Lourenzo e o tenente de alcalde Pablo Garrido nun dos terreos destinados ao novo centro de saúde de Arcade /

O Concello de Soutomaior porá esta semana a disposición da Xunta de Galicia as referencias catastrais dos terreos destinados ao novo centro de saúde de Arcade.

Este paso prodúcese tras a inscrición efectiva das parcelas no rexistro da propiedade e o cambio de titularidade no catastro.

O alcalde, Manu Lourenzo, afirmou que o goberno local xa completou todos os trámites necesarios e instou á Xunta a iniciar as obras canto antes.

Ademais, solicitou que os orzamentos galegos de 2025 inclúan partidas específicas para a construción do novo centro sanitario.

O proceso de adquisición dos terreos sufriu importantes atrasos debido ao procedemento de expropiación iniciado polo anterior equipo de goberno.

Lourenzo criticou esta decisión, considerando que a negociación directa tería sido unha opción máis rápida.

O rexedor subliñou a urxente necesidade do novo centro, destacando que Soutomaior, con máis de 7.500 habitantes, conta actualmente con só tres médicos.

Esta ratio supera amplamente as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).

"É imprescindible que a Xunta comece canto antes a construción do novo centro de saúde de Arcade e faga investimentos en persoal. A veciñanza de Soutomaior non pode seguir véndose afectada por unha sanidade pública sen recursos", concluíu o alcalde.