Entran en servicio 2,7 kilómetros de senda peatonal y ciclista entre A Lanzada y Portonovo

Sanxenxo
21 de xullo 2017

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, supervisaron a posta en servizo das obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-308 entre A Lanzada e Soutullo e a posta en servizo do primeiro tramo

Ethel Vázquez supervisa a posta en servizo das obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-308
Ethel Vázquez supervisa a posta en servizo das obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-308 / Xunta de Galicia

Os veciños e visitantes xa poderán disfrutar a partir deste venres do primeiro treito da senda peonil e ciclista que unirá A Lanzada e Portonovo. Trátase dunha senda de 2,7 quilómetros que acaba de entrar en servizo logo dun investimento de 3,3 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, supervisaron a posta en servizo das obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-308 entre A Lanzada e Soutullo e a posta en servizo deste primeiro tramo.

O tramo, que constitúe a primeira fase deste itinerario, supón a mellora de interseccións, a construción dunha glorieta en Soutullo e a dotación de zonas de aparcadoiro, unhas 200 prazas. É o resultado de 15 meses de traballos, nos que houbo dificultades como, no mes de febreiro, o temporal, que desprazou parte da pasarela na praia da Lanzada e fixo necesario que se repuxese e reforzase para que non se repetise a situación.

Ethel Vázquez agradeceu a todos os colectivos a súa colaboración por ter rematado esta actuación tan necesaria en tempo e forma, aportando suxerencias que agora son unha realidade.

En abril xa comezaron as obras do segundo treito da senda, un tramo de 1,2 quilómetros que une Soutullo e Major e conta cun investimento de case un millón de euros. Constrúese unha senda que terá un ancho mínimo de dous metros e na que o deseño ten en conta a presenza de vivendas e o circuíto de karts. Nestes momentos, a obra atópase executada nun 10%.

O terceiro tramo, que continuará a senda de Major a Portonovo, está en fase de redacción de proxecto e podería iniciarse a contratación dos traballos este ano.