Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia, vaticinou este luns que o proxecto de rehabilitación do Pazo de Lourizán será "un punto de inflexión para a cidade de Pontevedra e a súa contorna", ao converterse nun novo punto de interese turístico coa rehabilitación do Pazo e a posta en valor e explotación dos seus xardíns.
A rehabilitación ten como fin último que "os cidadáns poidan descubrir este tesouro". Entender o impacto exacto deste anuncio pode resultar complicado ao tratarse dunha edificación cuxo interior leva décadas pechada ao público e que a maior parte da cidadanía nunca puido visitar por dentro.
Para poder facerse unha idea, este luns, con motivo da presentación oficial dos novos usos da Finca de Lourizán, autoridades e medios de comunicación puideron acceder ao interior.
PontevedraViva ofrece unha completa galería de fotos que permite observar o estado de conservación da propiedade ao 31 de xullo de 2023. Compróbanse problemas de conservación como humidades e desfeitas e tamén o paso polo edificio de actos vandálicos dos últimos anos que danaron as súas paredes coa pintura de símbolos nazis e debuxos.
Este Pazo exemplifica os diferentes períodos históricos e a súa capacidade de adaptación a diferentes usos, desde a granxa orixinal cara a unha quinta de recreo e despois unha residencia ostentosa con funcións representativas, en alusión á etapa na que estivo en mans de Eugenio Montero Ríos, relevante personaxe da política nacional entre finais do século XIX e primeiros anos do século XX.
A súa configuración actual responde a esa etapa en mans de Montero Ríos, que o puxo no mapa e encargou a súa reforma e ampliación ao mestre de obras Jenaro de la Fuente Domínguez entre 1909 a 1912.
Desde 1943 estivo en mans da Deputación Provincial, que adquiriu a leira para instalar o Centro Rexional de Ensinos, Investigacións e Experiencias Forestais. En 1991 a Deputación cedeu á Xunta de Galicia os dereitos de xestión por un prazo de trinta anos e no que continúa a actividade do Centro de Investigación Forestal (CIF).
Na actualidade a entrada ao edificio do pazo non está permitida a visitantes, unicamente poden acceder a el persoas autorizadas. Só é visitable polo exterior.