Entra en servizo a nova senda de Tenorio, que completa un itinerario peonil de 2,1 quilómetros

Cerdedo-Cotobade
07 de maio 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde, Jorge Cubela, percorreron a vía este martes. Toda a actuación supuxo un investimento de 1,3 millóns de euros, 440.000 euros esta nova senda que acaba de estrearse

María Martínez Allegue e Jorge Cubela supervisan a nova senda de Tenorio
María Martínez Allegue e Jorge Cubela supervisan a nova senda de Tenorio /

A nova senda peonil de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, xa entrou en funcionamento. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde, Jorge Cubela, percorreron a vía este martes na súa estrea e destacaron as melloras que supón esta nova vía. 

A nova senda, de 600 metros, completa a humanización levada a cabo na travesía de Tenorio ao longo de 2,1 quilómetros nos que se habilita un itinerario peonil seguro.

Toda a actuación supuxo un investimento de 1,3 millóns de euros, 440.000 euros esta nova senda que acaba de estrearse. Foron financiados pola Xunta (70%) e polo Concello (30%).

María Martínez Allegue destacou a colaboración entre a Xunta e o Concello para levar a cabo a nova actuación, que "permite á veciñanza deste municipio dispoñer xa dunha mobilidade peonil segura e accesible ao longo de toda a vía", na que se sitúan os principais puntos de referencia desta parroquia: o mosteiro, o centro de saúde, o centro sociocultural e diferentes establecementos comerciais.

A conselleira destacou: "apostamos por estas sendas seguras, que proporcionan un espazo separado para peóns e supoñen unha alternativa de mobilidade máis sostible".

Os traballos executados incluíron a demolición das beirarrúas anteriores para a súa substitución por outras máis anchas e accesibles, ademais da mellora da iluminación e o soterramento de parte das conducións aéreas, a instalación de pasos de peóns iluminados e a mellora das redes de saneamento e pluviais.