Entra en funcionamento o Coche de Punto, un transporte a demanda pioneiro

Pontevedra
07 de outubro 2024

Nos primeiros tres meses o servizo será gratuíto. A primeira viaxe realizouse desde Médico Ballina ao edificio administrativo da Xunta

Este luns entrou en funcionamento o servizo de Coche de Punto a través do servizo de taxis de Pontevedra
Este luns entrou en funcionamento o servizo de Coche de Punto a través do servizo de taxis de Pontevedra /

Ás 8.00 horas deste luns 7 de outubro entraba en funcionamento o transporte a demanda denominado 'Coche de Punto' no municipio de Pontevedra.

O primeiro traslado foi desde Médico Ballina ao edificio administrativo da Xunta de Galicia, en Campolongo.

Así comeza a súa andaina un innovador sistema de traslado a demanda que busca mellorar a conexión entre as parroquias e o centro urbano.

Á mesma hora tamén se rexistraban outras viaxes: desde a parroquia de Verducido ata o Hospital Montecelo; e do lugar de Maunzo ata a Praza de Galicia.

Trátase dunha alternativa para aqueles lugares onde non existe unha solución de transporte público ou cobertura social.

Segundo declarou o concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, "hoxe botou a andar o coche de punto, cumprindo así o anunciado".

O primeiro día de funcionamento rexistrou un total de 14 solicitudes de reserva, das que 13 cumprían as condicións para ser atendidas.

Este novo servizo, que permitirá realizar desprazamentos entre zonas con menos acceso a transporte, non cobre desprazamentos dentro do propio centro de Pontevedra, como sinalou Mosquera: “A xente quería desprazarse dentro de Pontevedra e iso non se cubre”.

Mosquera fixo unha avaliación positiva da posta en marcha do servizo: “A valoración é moi ben, ten que empezar a andar. Non houbo incidencias gordas e para mañá temos reunión cos técnicos e taxistas para ir mellorando o sistema durante a semana”.

O obxectivo desta fase inicial é recoller información e ir axustando o servizo para que atenda mellor as necesidades da cidadanía, especialmente para aqueles con dificultades de mobilidade ou casos urxentes, como a asistencia a centros médicos.

O "Coche de Punto" funcionará de luns a venres, en horario de mañá, e as reservas poden realizarse a través da páxina web www.cochedepunto.gal, do teléfono 986.070.066 ou da aplicación móbil oficial dispoñible para Android.

As paradas estratéxicas sitúanse no Campus Universitario; Centros de Saúde Virxe Peregrina, Lérez e A Parda; Centro de especialidades Mollavao; Hospital Provincial; Hospital Montecelo; Praza de Galicia; estación de tren Vialia; Mercado de Abastos; Xunta en Campolongo e xulgados da Parda.

Nos primeiros tres meses, o servizo será gratuíto como medida de promoción, e posteriormente o prezo será de 2,15 euros, con tarifas bonificadas para diversos colectivos.

Mosquera tamén quixo destacar que este novo servizo non debe competir co transporte colectivo, senón que está pensado para cubrir aqueles casos onde non existe unha alternativa adecuada.

"Non está para ir todos os días ao traballo, para iso non está. É para casos puntuais onde non hai outra solución", aclarou.

Con este proxecto pioneiro en España, o Concello de Pontevedra busca ofrecer un servizo de mobilidade máis inclusivo e adaptado ás necesidades da cidadanía nas zonas máis afastadas do núcleo urbano.