A nova planta de transferencia construída por Sogama en A Lama entrou en funcionamento e xa dá servizo aos municipios limítrofes.
Así o deu a coñecer esta fin de semana Sogama, que anunciou que a novidade desta instalación é que permite a xestión da materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón.
Situada no polígono industrial de Racelo e con capacidade para 8.675 toneladas anuais, está preparada para transvasar as tres fraccións de residuos que se atopan baixo a competencia de Sogama: bolsa amarela (envases de plástico, latas e bricks recollidos a través do contedor amarelo), bolsa negra (fracción resto ou non reciclable) e bolsa marrón.
Esta planta dispón dun compactador fixo, unha báscula e un sistema de translación de contedores con capacidade para dúas unidades, o que posibilita que, en certa medida, se independice o funcionamento da instalación do transporte, que en momentos puntuais pode sufrir atrasos pola conxestión do tráfico, climatoloxía adversa, posibles avarías, indisposición dos condutores, etc.
Tamén conta cun aparcadoiro de contedores, un edificio de oficina, vestiario e almacén, ademais dunha depuradora de augas residuais.
Abastécese enerxeticamente a través de paneis solares, fomentando desta forma o uso das enerxías renovables como unha das principais medidas coas que contribuír á loita contra o cambio climático.
A instalación tivo un investimento de máis de 1,8 millóns de euros e agora intégrase na rede de infraestruturas para a valorización da fracción orgánica contida nos residuos municipais. Esta rede está conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos -Cervo, na provincia de Lugo; Cerceda, na da A Coruña; Verín, na provincia de Ourense; e Vilanova de Arousa, na de Pontevedra- e 13 plantas de transferencia de apoio, entre as que se atopa a da Lama.