Tres entidades sociais da provincia de Pontevedra recibiron por parte do Goberno unha nova entrega de máscaras de protección contra a COVID-19. Cada unha delas recibirá unhas 20.000 unidades para, á súa vez, repartilas entre os colectivos que as integran.
En concreto, a repartición destas máscaras fíxose entre Cruz Vermella Pontevedra, Cáritas -que as entregará nas súas sedes de Tui-Vigo e O Salnés- e o colectivo CERMI, que fará chegar este material sanitario a COGAMI, ONCE ou Aspace, entre outros.
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, destacou o esforzo realizado polo executivo central para dotar destas máscaras á poboación máis vulnerable ou que poidan ter unha "maior limitación" á hora de adquirilas pola súa "situación máis desfavorecida".
A entrega deste material de protección súmase, segundo sinalou Larriba, ás máis de 560.000 máscaras repartidas na provincia desde o pasado 13 de abril, para cubrir as necesidades da poboación no retorno ás actividades non esenciais.
Ademais, subliñou que, de acordo ás diferentes fases de desconfinamento, segue sendo "importante" seguir o protocolo marcado polas autoridades sanitarias, "tanto a nivel de distancia social como de hixiene frecuente de mans".
Estas medidas, defendeu a subdelegada, "reducen ao mínimo" as posibilidades de contaxio entre a cidadanía, polo que animou a seguir con este comportamento para superar a pandemia "entre todos" e avanzar "con máis forza" cara á "nova normalidade".