Ensinar os adolescentes a ter relacións afectivo-sexuais saudables prevé as violencias machistas

Sanxenxo
10 de outubro 2023

Con este obxectivo ponse en marcha nos centros educativos do concello de Sanxenxo un proxecto impulsado dende os departamentos municipais de Educación e de Servizos Sociais

Charla sobre relacións afectivo sexuais saudables no colexio A Florida
Charla sobre relacións afectivo sexuais saudables no colexio A Florida / Concello de Sanxenxo

Ensinar os adolescentes para ter relacións afectivo sexuais saudables prevén as violencias machistas e con este obxectivo ponse en marcha nos centros educativos do concello de Sanxenxo un proxecto impulsado dende os departamentos municipais de Educación e de Servizos Sociais

As concelleiras de Educación, Nati Parada, e a de Servizos Sociais, Paz Lago, visitaron este martes o colexio da Florida onde se estaba desenvolvendo a actividade acompañadas do director, Pedro Padín.

Os destinatarios desta formación é o alumnado de 6º de Primaria e 2º da ESO con talleres de 50 minutos cada un. A adolescencia consiste nunha etapa vulnerable onde comezan a producirse as primeiras relación afectivo-sexuais entre os iguais. 

A educación neste tipo de temas tende a ser deficiente e con fontes quizáis non axeitadas, co cal, traballalo de forma directa, con profesionais cualificados e cunha programación específica, supervisada polas profesionais do Centro de Información á Muller (CIM), resulta un recurso educacional indispensable para unha educación afectivo sexual de forma axeitada.

Este proxecto está dividido en diversas accións, cada unha con diversas actividades, co alumnado dos seguintes centros educativos: O Cruceiro de Vilalonga, Magaláns, Nantes, A Florida, O Telleiro, IES Sanxenxo, IES Vilalonga CEIP Portonovo e o Colexio Plurilingüe Abrente.

A formación está pensada en catro sesións nas que se traballará as relacións en igualdade, os estereotipos, e os roles e crenzas limitantes ou erróneas. 

Tamén se prevén dúas sesións coas familias para abordar posibles dúbidas e onde se presentarán as conclusións dos talleres cos escolares.

Trátase dunha actividade subvencionada pola Deputación de Pontevedra ao abeiro da convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para o ano 2023.