O candidato á alcaldía do PSdeG-PSOE no Concello de A Lama, Enrique Vaqueiro, anunciou na mañá deste mércores a súa intención de suprimir o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) daquelas fincas que non dispoñan de acceso rodado ou servizos básicos, de gañar o seu partido as eleccións do 26 de maio.
Vaqueiro asegura que, dende o partido, teñen lista a modificación da Ordenanza municipal para cambiar unha normativa de Jorge Canda, o actual alcalde do municipio, á que cualificou como "tremendamente inxusta cos petos das veciñas e veciños de A Lama", e que a súa primeira medida ao chegar ao Concello será aprobala no pleno para que "o ano que vén ningún veciño pague un imposto ruín, que non se paga en ningún Concello cercano".
Quixo recordar que xa levou a pleno unha moción para mudar a ordenanza e que o alcalde e os outros cinco concelleiros do PP votaron a favor de manter o imposto. "Dame vergoña escoitar a campaña de Feijóo presumindo no rural cero impostos, cuando os seus alcaldes do PP manteñen coa man no pescozo a moitos veciños que pagan ata 120 euros por unha finca en A Lama".
Para rematar, o portavoz da agrupación socialista declarou que "Era e é un compromiso ante notario, e reafírmome en que vai ser a primeira medida se gañamos as eleccións en maio. Acabouse o imposto das fincas. Acabouse o atraco".