EnPoio doa 400 quilos de produtos esenciais para familias necesitadas

Poio
20 de decembro 2021

A asociación empresarial entregou este luns o material que inclúe, ademais de alimentos, elementos de hixiene e de primeira necesidade. Agora o departamento de Servizos Sociais repartirá esta achega entre as familias con menos recursos do municipio 

Guillermo Campos, presidente da asociación empresarial EnPoio, coa concelleira de Benestar Social, Rosa Fernández, e outros membros do colectivo
Guillermo Campos, presidente da asociación empresarial EnPoio, coa concelleira de Benestar Social, Rosa Fernández, e outros membros do colectivo / Concello de Poio

A asociación empresarial  EnPoio volve sumar á solidariedade coas familias máis desfavorecidas nestas datas do Nadal e, este luns, integrantes do colectivo entregaban ao Concello de Poio ao redor de 400 quilos de alimentos, recadados polos propios comerciantes, ademais doutros produtos de hixiene ou de primeira necesidade.

Agora, o departamento de Servizos Sociais que dirixe a concelleira Rosa Fernández encargarase de repartilos entre a poboación que máis recursos precisan coa idea de que poidan gozar dun Nadal algo mellor. Ademais, a asociación tamén entregaba un cheque por valor de 100 euros para a compra doutros alimentos en establecementos do municipio que pertencen ao colectivo que presiden Guillermo Campos.

EnPoio durante o ano pasado realizaba unha doazón económica de mil euros, achegada polos integrantes, para que formase parte do Fondo de Emerxencia Social, a través do que os servizos sociais do  Concello prestaron auxilio a un gran número de familias do municipio.

Rosa Fernández tamén quixo agradecer o esforzo que está a realizar a asociación cultural Virxe da Renda e a parroquia de Combarro, que nos últimos días activou a campaña solidaria de recollida de alimentos. Trátase dunha acción que xestiona Miguel Martínez, integrante do persoal da Casa Rosada. Aquelas persoas interesadas en colaborar poden realizar as súas entregas na igrexa de San Bernardo durante os días en que se celebren actos relixiosos. No caso de que sexa necesario, tamén está prevista a recollida a domicilio.

MEDIDAS ANTI-COVID

O  Concello de  poio tamén anuncia que se adaptaron as instalacións municipais ás novas medidas adoptadas pola Xunta para evitar a propagación do virus. Desde o sábado é necesario mostrar o certificado de vacinación ou probas PCR ou antíxenos negativa para utilizar o ximnasio do mesmo xeito que outros locais municipais onde se realizan actividades de ioga, baile, pilates ou mantemento físico. No caso de probas PCR, o resultado debe corresponder ás 72 horas previas, mentres que no suposto de  antígenos, a proba só ten validez durante 48 horas. Tamén é posible acceder aos espazos se se acredita que se pasou a enfermidade durante o últimos seis meses.

Aquelas persoas usuarias do ximnasio que precisen máis información poden chamar ao teléfono 604.064.810. No caso doutros espazos terán que chamar ao 986.770.001 (extensións 1270 ou 1252) ou enviando un correo electrónico a participa@concellopoio.gal.

Tamén se decidiu pechar de maneira temporal as cantinas do campo de fútbol da Seca e do pavillón polideportivo.