Enfróntanse a cinco meses de prisión por tentar dar unha malleira a un acusado durante un xuízo

Pontevedra
08 de maio 2017

O fiscal decidiu finalmente acusar a sete das oito persoas investigadas pola Garda Civil polo grave incidente na sala de vistas e pide ao xuíz que condene a cada un deles a cinco meses de prisión e 600 euros de multa (dous meses a 10 euros dirios). Todos se abalanzaron sobre Cortiñas e unha agrediuno lanzándolle unha botella

Vídeo cedido polo Canal Rías Baixas sobre o intento de agresión durante o xuízo de José Luis Cortiñas / Canal Rías Baixas

Os graves incidentes rexistrados en febreiro de 2016 na sala de vistas da Audiencia Provincial de Pontevedra durante o xuízo contra José Luis Cortiñas polo crime machista de María Luisa Jiménez Jiménez, por todos coñecida como 'Lupe', chegarán finalmente a xuízo con sete acusados no banco, todos eles familiares da falecida. O caso será xulgado no Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra por un delito de desordes públicas

O tumulto obrigou a suspender o xuízo o mércores 17 de febreiro ao fío da unha da tarde. Era a segunda sesión do xuízo con xurado, o procesado estaba sentado no banco, custodiado por tres axentes da Policía Nacional, cando, nun momento dado, na sala escoitouse o berro de "Suso", o nome 'xitano' co que se coñece na súa contorna máis próxima ao acusado, e tres persoas abalanzáronse sobre el.

Xusto detrás foron varias persoas máis e xa inmediatamente interviñeron os policías que estaban a lle custodiar e os axentes da Garda Civil e a Policía Nacional que integraban o operativo de seguridade despregado con motivo deste xuízo. Tras o tumulto, e coa tensión cargando o ambiente, os familiares foron desaloxados e a vista suspendeuse, retomándose pouco despois a porta pechada. 

O fiscal do caso, Augusto Santaló, decidiu finalmente acusar sete das oito persoas investigadas pola Garda Civil polo grave incidente na sala de vistas e pide ao xuíz que condene a cada un deles a cinco meses de prisión e 600 euros de multa (dous meses a 10 euros diarios). Ademais, para unha das acusadas, Azuzena Jiménez Jiménez, irmá de 'Lupe', tamén solicita que indemnice a Cortiñas con 120 euros. 

O escrito de acusación, adiantado por Alfredo López Penide en La Voz de Galicia, sostén que os sete acusados estaban a asistir como público -os familiares de 'Lupe' copaban a maioría dos asentos dispoñibles na sala de vistas-, levantáronse e tentaron abalanzarse contra o acusado. Impedíronllo os axentes, que tiveron que forcexar con eles, pero unha das acusadas, Azuzena, si logrou agredilo lanzándolle unha botella a Cortiñas

Os outros acusados son Esmeralda, Cristina, Ana e Rosa Jiménez Jiménez, Jacobo Montoya Jiménez e Naomí Martins Fernández. O único home está acusado de que, ademais, "incitaba ás demais acusadas" contra Cortiñas, que sufriu unha ferida pola que necesitou asistencia médica e que tardou en curar catro días.

Tras aquel xuízo con xurado, Cortiñas foi declarado culpable de asasinato e condenado a 20 anos de prisión

O vídeo foi cedido por Canal Rías Baixas (©)