O grupo provincial do PSdeG-PSOE e o grupo de goberno do PP na Deputación de Pontevedra enfrontáronse esta fin de semana a conta das denuncias socialistas sobre os procesos selectivos de persoal.
Así, o PSOE, a través da deputada e portavoz Ana Laura Iglesias, pediu explicacións "inmediatas" ao goberno do PP e o seu presidente, Luís López, ante os “sucesivos escándalos” que se están a vivir nos procesos selectivos, "provocando a continua indefensión das persoas aspirantes que concorren aos exames".
A voceira do PSOE insiste en que “con este goberno instauraron a arbitrariedade nos tribunais das oposicións, eliminando a participación de persoal técnico, de elevado coñecemento, doutras administracións públicas, que ofrecían rigor, credibilidade e garantías”.
“Nunca explicaron por qué o fixeron e volvemos a preguntar cal foi a razón. Aínda que a resposta está clara: só queren o control total dos procesos selectivos e iso ten un nome moi feo”, criticou a socialista.
Como resposta, desde o goberno provincial aseguraron que a Deputación "garante a máis absoluta transparencia e igualdade" en todos os procesos selectivos e tamén aproveitaron para afear aos socialistas "casos noutras Administracións que implicaron no pasado ao entorno directo da anterior presidenta da Deputación".
Ana Laura Iglesias personalizou as críticas á Deputación na proba dun proceso selectivo para a cobertura de catro prazas de auxiliar de administración xeral, no que figuraron ata 9 preguntas das 40 do cuestionario que foron impugnadas polas persoas aspirantes ao estar fora do temario esixido para avaliación, "incumprindo claramente as bases do proceso".
A voceira socialista sinalou que esta situación, que xa foi denunciada polos sindicatos da Deputación, "é tan só unha máis no longo capítulo de despropósitos que se están vivindo nos procesos selectivos con este goberno. Chove sobre mollado”.
Para a deputada socialista, "o peor é a vergoña que non teñen coas persoas que aspiran a conseguir unha praza na administración, que dedican o seu esforzo para prepararse, e ás que deixan nunha situación de total indefensión".
Na súa resposta, a Deputación explicou que se tratou "unicamente dun erro humano do tribunal" ao introducir 8 preguntas das 40 correspodentes ao segundo exercicio (informática) no primeiro (temario).
Segundo explicaron fontes do executivo provincial, conforme ao previsto, introducíronse na proba 4 preguntas de reserva, "circunstancia habitual neste tipo de procesos". Desta maneira, a corrección realizarase considerando 36 preguntas válidas.
A Deputación insiste en que "en todo momento garantiuse a igualdade de oportunidades para os inscritos" e os sindicatos, así mesmo, foron informados do acontecido. O prazo de alegacións pechou e as queixas presentadas están sendo analizadas polo tribunal.
"Calquera outra acusación carece de fundamento, salvo o puro interese partidista.", sinalou a Deputación a través dun comunicado.
O grupo socialista, pola súa parte, non descarta outras medidas e lamenta que agora "os procesos selectivos estean sempre rodeados de hermetismo, oscurantismo e sospeitas, porque os modos e maneiras son completamente irregulares e iso está calando na sociedade".