A construción do tramo da autovía A-57 entre Vilaboa e A Ermida iniciouse en novembro de 2015. A última previsión do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana é que os traballos finalicen a finais deste ano. Durante todo este tempo xurdiron numerosos imprevistos, algúns dos cales requiriron máis expropiacións.
Despois dos recentes contratempos derivados da falta de materiais e subministracións, o último problema xurdido foi o denunciado por un grupo de propietarios de leiras en Vilaboa afectados pola liña de alta tensión de Ponte Sampaio a Lourizán, que é propiedade de Ence.
Concretamente, a obra do enlace da Autovía A-57 coa estrada nacional N-550 en Vilaboa afecta á liña aérea de alta tensión que ten a empresa pasteira cuxa reposición foi programada e coordinada coa dirección de Ence para non alterar o funcionamento normal da fábrica de Lourizán.
Debido a estas obras da denominada circunvalación de Pontevedra a compañía pasteira tramitou ante a Xunta os permisos para desmontar dous tramos de liña aérea de tendido eléctrico de alta tensión, un cunha lonxitude de 263 metros e o outro de 550 metros (cun total de 6 apoios), e desmontar tamén a actual liña subterránea de alta tensión nun tramo de 325 metros.
O orzamento total desta desmontaxe era de 1.177.571 millóns de euros.
O problema que trasladan os propietarios das leiras de Vilaboa polas que pasan estes cables do tendido eléctrico é que non se atenderon as súas alegacións e tampouco houbo unha exposición pública do proxecto.
Tamén aseguran que non obtiveron resposta ao seu intento negociar un solución aos problemas que, segundo afirman, xéralles o paso polas súas leiras desta liña de alta tensión.