María José García-Pelayo, presidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), reuníase con Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, no castelo de Soutomaior nunha recepción institucional na que se trataron as competencias das entidades locais e o financiamento local.
Durante o encontro tamén se tratou o reto de enfrontarse ao despoboamento do rural e a necesidade de investimentos para fomentar o negocio local e romper a fenda dixital nos pequenos e medianos municipios.
Ambas as institucións demandan un modelo de financiamento para os goberno locais que se coordine de maneira simultánea co modelo de financiamento autonómico.
Tamén entenden que é imprescindible que as competencias que se transfiren aos municipios conten cos recursos necesarios para que os Concellos poidan afrontalas.
García-Pelayo destacaba a atención cidadá que prestan os gobernos locais afirmando que "actuamos cando detectamos a necesidade nas persoas ou cando estas acoden a nós por ser os que estamos máis preto; e non nos detemos a pensar se a competencia é nosa ou doutra administración".
Insistiu no impulso que a FEMP pretende dar ao perfil social coa creación de comisións de traballo específicas de políticas integrais de discapacidade, de dereitos dos maiores, soidade e atención á dependencia, familia e loita contra a violencia de xénero.
Luis López tamén fixo fincapé nas redes provinciais de atención social ou as garantías de seguridade, subministracións e servizos que son necesarias para evitar o despoboamento dos territorios rurais.
A presidenta da FEMP destacaba que a Deputación de Pontevedra é un integrante moi activo dentro desta organización xa que López Diéguez é membro da Comisión de Deputacións, Cabidos e Consells Insulars da Federación e vicepresidente segundo da Rede de Cidades Saudables, ademais de que a institución provincial forma parte da rede Vilas Termais.