Ence "tomou o pelo descaradamente" ao PP, segundo o Concello, con "promesas falsas"

Pontevedra
07 de marzo 2017

A nova estratexia investidora de Ence é unha mostra, segundo o Concello, das "promesas falsas" que a compañía pasteira realizou ao PP para garantir que o Goberno lle concedese a prórroga para continuar en Lourizán ata 2073. "Tomáronlles o pelo descaradamente", destacou este martes o portavoz do goberno municipal, Raimundo González

Lores, Raimundo González e César Mosquera, antes do inicio dun pleno
Lores, Raimundo González e César Mosquera, antes do inicio dun pleno / Mónica Patxot

A nova estratexia investidora de Ence é unha mostra, segundo o Concello, das "promesas falsas" que a compañía pasteira realizou ao PP para garantir que o Goberno lle concedese a prórroga para continuar en Lourizán ata 2073. "Tomáronlles o pelo descaradamente", destacou este martes o portavoz do goberno municipal, Raimundo González.

O BNG entende que como todo o investimento previsto por Ence é "só" para incrementar a súa produción en Pontevedra, ábrese unha "ocasión que nin pintada" para que a empresa abandone a ría en 2018. Para iso, o edil nacionalista pediu aos populares que "reconsideren" a súa postura.

"Os abelorios que lles prometeron resultaron ser follalata", dixo.

Con respecto ás críticas de Alfonso Rueda, que suxería que as "dificultades" postas desde o Concello poderían influír nesta decisión da compañía, Raimundo González explicou que son "desculpas de mal pagador" que vinculou ao feito de que o PP "se sinte estafado e defraudado porque Ence lles tomou o pelo".

En todo caso, lamentou que Rueda actúe como "mamporrero" de Ence e que o seu comportamento sexa o dun "membro virtual" do consello de administración da pasteira.

Pola súa banda, o alcalde reiterou a esixencia de que Ence "marche da ría". Nunha rolda de prensa celebrada en Vigo, Miguel Anxo Fernández Lores explicou que Pontevedra "ten ou mesmo dereito" que outras cidades a deslocalizar empresas "que non deberían estar onde están". Un primeiro paso sería, dixo, "sacar ese espantallo de aí".

Fernández Lores reiterou que o PP cometeu "un erro moi grande" ampliando a concesión á pasteira, unha decisión que cualificou como "falta de respecto" aos pontevedreses e que, engadiu, ten consecuencias "negativas" para toda Galicia desde o punto de vista económico, ambiental ou forestal e desde a perspectiva da "calidade de vida" na Ría de Pontevedra.

Arquivado en