Apenas un par de horas tardou Ence en contestar as críticas vertidas polo portavoz do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, que censuraba que a compañía levase desde 2019 sen convocar as axudas do seu plan social para colectivos da comarca.
A través dun comunicado, a empresa asegura que mantén o seu "firme compromiso" de activar unha nova convocatoria do seu plan social, pero para iso pon unha única condición.
Só o fará "no caso de que se resolva de forma positiva o proceso xudicial no que está inmerso esta instalación, do que depende a continuidade da súa actividade", sostén Ence.
A dirección da compañía afirma que a actual situación de incerteza sobre o futuro da fábrica pontevedresa, que deberá resolver o Tribunal Supremo tras analizar os recursos á anulación da súa prórroga, "non permitiu a súa posta en marcha".
O plan social, segundo Ence, é mostra de que a empresa está "plenamente comprometida" con Pontevedra e cidadanía, ao supoñer a maior iniciativa social que impulsa en toda España.
Está dotado con 3 millóns de euros para proxectos de índole social, ambiental, deportiva, de impulso ao emprendemento ou destinados a loitar contra a exclusión social, entre outros.