A parada técnica anual da factoría de Ence en Lourizán implicou este ano aos 400 empregados da empresa en Pontevedra e a máis de 1.500 traballadores de empresas auxiliares e supuxo, segundo a información facilitada pola empresa, que a ocupación hoteleira da cidade se elevara ata o 90 por cento.
A empresa defende que a parada técnica supón un importante revulsivo para a economía local de Pontevedra. Do 90% de ocupación, un 60 por cento débese directamente á parada anual de Ence, segundo datos facilitados pola Asociación de Hoteis de Pontevedra e difundidos pola empresa.
Segundo os datos facilitados, os máis de 1.500 traballadores de empresas auxiliares pasan a noite e realizan consumo no sector hostaleiro e comercial da cidade durante os doce días que dura a parada . Neste sentido, calcúlase que se superarán as 3.500 pernoitas en Pontevedra e a súa contorna durante o desenvolvemento da parada.
Ademais, a empresa indica que a parada técnica anual supón unha importante actividade para as 120 empresas auxiliares que participan na operación, na súa maioría son de orixe galega. O 55 por cento destas firmas están ubicadas en Galicia e un 80 por cento en Pontevedra.
Tamén chegan desde o estranxeiro para traballar durante estes días en Lourizán empresas de países como Suecia, Finlandia, Canadá, Alemaña ou Portugal. En relación a estas firmas, cabe apuntar que se trata de persoal especializado en operacións no sector da celulosa.
Nesta ocasión, a parada técnica anual da fábrica de Ence en Pontevedra supón un investimento total de 15,5 millóns de euros. Esta operación serve para someter á biofábrica a un exhaustivo programa de melloras, para incorporar novas tecnoloxías e seguir, desta maneira, reforzando a súa excelencia ambiental, a súa eficiencia e a súa fiabilidade.