Os recentes incendios forestais que asolaron os montes da comarca e as afirmacións da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) vencellando os lumes co eucalipto levaron á empesa Ence a saír en defensa dunha árbore na que sosteñen boa parte da súa actividade.
Para defender o eucalipto indican que os datos dos informes anuais de 2000 a 2013 (último ano de publicación) publicados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente revelan que tan só unha media do 7,9% da superficie forestal total que arde cada ano na comunidade é eucalipto.
Ademais, remítense a un informe da Confederación de Organizacións de Silvicultores de España (COSE) sobre os incendios en Galicia, publicado en xaneiro de 2015 e que, segundo manteñen, sinala que na zona norte de Galicia, onde se concentran as maiores superficies de eucalipto, os incendios son practicamente inexistentes. Ese documento tamén recolle que os territorios forestais galegos máis afectados en superficie polos incendios son as grandes áreas de matogueira sen arboredo.
A empresa Ence sostén que o abandono e a falta de xestión preventiva son as principais causas dos incendios no monte galego. E asegura que "é precisamente o cultivo de eucalipto e a rendibilidade que ofrece ao propietario forestal, que o estimula a implantar medidas preventivas para evitar que o seu investimento desapareza, a mellor alternativa para combater o abandono e, en consecuencia, os incendios forestais".