Ence rexeita a trama político-familiar entre a empresa e a Xunta que denuncia a APDR

Pontevedra
11 de setembro 2014

A Asociación pola Defensa da Ría denuncia que a muller do director da fábrica e irmá da representante legal de Elnosa ocupa actualmente a subdirección xeral de Coordinación Ambiental e é a encargada da inspección ambiental e de tramitar os expedientes sancionadores

Fábrica de Ence vista dende a autovía de Marín
Fábrica de Ence vista dende a autovía de Marín / Mónica Patxot
A APDR denuncia unha trama político familiar entre Encem, Elnosa e a Xunta /

O presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa, denunciou este xoves a existencia dunha trama político-familiar entre Ence, Elnosa e a Xunta de Galicia a través da figura da actual subdirectora xeral de Coordinación Ambiental e anteriormente subdirectora xeral de Calidade Ambiental, María José Echevarría Moreno, esposa do actual director da fábrica de Lourizán, Antonio Casal, e irmá da xefe industrial de Elnosa, Amaya Echevarría Moreno.

Segundo denuncia a asociación ecoloxista, a representante da Xunta de Galicia é a responsable da inspección ambiental e a encargada da tramitación dos expedientes sancionadores por incumprimento da normativa ambiental. Antón Masa e Benito Andrade, representantes da ADPR, consideran que a funcionaria debería ser inhabilitada para o desempeño deste cargo porque "non é persoa competente para tomar estas decisións" relacionadas coa concesión do certificado de autorización ambiental integrada ou cos expedientes sancionadores que se puidesen abrir con motivo das irregularidades que puidesen cometer Ence e Elnosa.

Antón Masa indicou que ademais María José Echevarría Moreno accedera ao cargo da man do entón conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, que agora forma parte do consello de administración de Ence. Os integrantes da APDR pregúntanse se durante o mandato do bipartito na Xunta, o goberno formado polo PSOE e polo BNG coñecían esta situación e sinalan que a Xunta de Galicia está deslixitimada para conceder unha prórroga a Ence e a Elnosa.

Por este motivo, o colectivo solicitará amparo ante o Valedor do Pobo para que estude o caso e medie para que se impoñan medidas que eviten "este incumprimento da lei". Masa denunciou que se están a paralizar os expedientes sancionadores ás empresas a través desta Subdirectora Xeral e, en todo caso, reclaman que se xustifique dende a Administración autonómica por que non se tramitan eses expedientes.

ENCE REXEITA AS ACUSACIÿNS

Dende Ence réstase importancia aos lazos familiares de María José Echevarría Moreno e considérase que a APDR pretende confundir á opinión pública con mentiras "para afrontar a súa perda de popularidade". Segundo a empresa, a APDR intenta obter respaldo cidadán despois de que "o apoio nas rúas alcanzase mínimos históricos" denunciando estas relacións entre o director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra coa súa esposa, funcionaria de carreira do grupo A que "ocupou postos técnicos de primeiro nivel en todos os gobernos galegos, independentemente da súa cor política, nos últimos 19 anos".

A empresa pasteira indica que a esposa de Antonio Casal nunca tivo competencias para outorgar a autorización ambiental integrada. Apunta que a subdirección xeral encargada de tramitar as autorizacións é a Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, "á que ela nunca estivo adscrita". Segundo o comunicado emitido por ENCE, "as acusacións realizadas por APDR só poden ser consideradas como profundamente falsas e profundamente machistas". Ademais critícase a figura de Antón Masa ao que se acusa de optar "por buscar argumentos sibilinos construídos sobre a base da desinformación" e se engade que o feito de que APDR non queira xudicializar este asunto é unha "proba clara" de que os líderes da organización só aspiran a "xerar ruído mediático pero que saben que as súas teses non se sosteñen".

Por último, Ence invita á APDR a que visite o seu Centro de Operacións de Pontevedra.