A compañía Ence vén de emitir un comunicado no que fai referencia ás últimas declaracións de Miguel Anxo Fernández Lores, o alcalde en funcións e candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra, sobre a suposta influencia da pasteira nos resultados das últimas eleccións municipais.
Os responsables da celulosa respostan que "se se quere deixar sen o seu posto de traballo e sen o seu medio de vida a máis 5.000 familias de Pontevedra e do resto de Galicia, hai que estar preparado para a indignación e a protesta e non culpar a outros desta decisión".
Na noite electoral do pasado domingo nunha primeira análise dos resultados Fernández Lores sinalou que "durante este mes, e mesmo na xornada de reflexión, houbo unha ofensiva do Partido Popular-Feijóo acompañado de ENCE- Colmenares, que foi unha ofensiva absolutamente agresiva". Segundo Fernández Lores "aquí houbo un investimento económico potentísimo, de millóns de euros gastados por Ence para pedir o voto para o PP".
Este xoves a dirección da pasteira nun comunicado responde que "é falso que Ence realizase investimento algún con fins políticos ou para favorecer o voto a ningún partido político a nivel nacional, autonómico ou local" e asegura que "a compañía non buscou influír de ningún xeito nos resultados das pasadas eleccións municipais. Ence mantívose á marxe das campañas electorais dos diferentes partidos e dos seus intereses políticos".
Ademáis, Ence afirma que as concentracións e manifestacións "foron convocadas polos representantes dos traballadores" en defensa dos seus postos de traballo e os das empresas colaboradoras da fábrica de Lourizán e contaron cun "apoio moi importante da cidadanía" como "reflexo da preocupación social" pola continuidade desta industria.