Ence reitera que defenderá a concesión da prórroga "ata as últimas instancias"

Pontevedra
05 de decembro 2019

A empresa reafírmase despois de coñecerse a valoración efectuada pola axencia de rating Moody’s, nun informe no que considera que a compañía podería compensar o impacto dun hipotético peche da planta pontevedresa co negocio de enerxía renovable 

Fábrica de ENCE en Lourizán
Fábrica de ENCE en Lourizán

Ence reiterou este xoves o seu compromiso coa defensa da prórroga da concesión para a fábrica de Lourizán. Fíxoo despois de coñecerse a valoración efectuada pola axencia de rating Moody’s, nun informe no que considera que a compañía podería compensar o impacto dun hipotético peche da planta pontevedresa co negocio de enerxía renovable.

A empresa indica que respecta a valoración de Moody’s, pero insiste en que, tal e como anunciou na súa Xunta Xeral de Accionistas do mes de marzo, defenderá a concesión da planta "ata as últimas instancias" e que o fará "en interese dos seus traballadores, provedores e das máis de 5.000 familias que dependen do seu funcionamento".

Ademais, asegura que a actividade industrial de Ence "réxese polos máis altos estándares de responsabilidade ambiental" e que os parámetros da factoría de Lourizán "melloran amplamente" as máis esixentes normas e autorizacións ambientais europeas e españolas.

Neste senso, achega o que considera que son "probas da calidade ambiental de Ence-Pontevedra": os importantes bancos de marisqueo nos Praceres e nas localidades próximas de Lourido, Combarro e Raxó e o feito de que na área da Ría de Pontevedra próxima á fábrica hai cinco praias co distintivo de bandeira azul: Cabeceira en Poio, e Portocelo, Mogor, Aguete e Santo en Marín.

Lembra tamén que desde 2014, a fábrica pontevedresa conta coa etiqueta ecolóxica Nordic Swan (ecoetiqueta oficial dos países nórdicos) por cumprir cos máis esixentes criterios de respecto ambiental. Ademais, en 2015, a Comisión Europea concedeu a Distinción Ouro á Biofábrica de Ence en recoñecemento á súa mellora ambiental nos últimos 15 anos.

Arquivado en