A empresa Ence anunciou este martes a posta en marcha dun proxecto polo que realizará plantacións de madeira en zonas da provincia de Pontevedra que foron devastadas polos graves incendios de 2006 e que quedaron abandonadas. En total, reforestará e recuperará 5.400 hectáreas.
Segundo informou a empresa a través dun comunicado, o proxecto terá dez anos de duración e suporá un investimento de sete millóns de euros. Con esta iniciativa xerará unha media de 67 empregos, directos e indirectos, e unhas rendas no ámbito forestal de preto de 42 millóns de euros.
Ademais, a empresa asegura que con esta actuación reducirase o risco de incendios posto que o bosque cultivado e ben xestionado non arde. Ao respecto, indican que as áreas devastadas por aqueles incendios de 2006 constitúen un elevado risco potencial para novos incendios, e non xeran nin emprego nin riqueza, de aí a importancia deste proxecto.
A reforestación farase seguindo a certificación FSC e introducirá especies produtivas como o eucalipto ou o piñeiro, ademais de frondosas autóctonas coma o carballo, castiñeiro e bidueiro.
A empresa indica que esta iniciativa é un primeiro paso dentro do seu compromiso por Pontevedra asumido a raíz da renovación da concesión para continuar nos terreos de Lourizán por 60 anos máis.