Ence reducirá o seu consumo de auga ás limitacións marcadas por Augas de Galicia

Pontevedra
14 de novembro 2017

Augas de Galicia sinalaba na xuntanza cos alcaldes que están á espera da resolución para que a vindeira semana a fábrica de celulosa reduza á metade o seu consumo de auga

Embarcacións na ría de Pontevedra con Ence ao fondo
Embarcacións na ría de Pontevedra con Ence ao fondo / Juan Mejuto

A dirección de Ence confirmou que, ante a seca que se está rexistrando en Pontevedra, axustará o seu consumo de auga ás limitacións que lle establece Augas de Galicia, unha medida que levaría a cabo a próxima semana cunha rebaixa do consumo a un 50%.

A entidade pasteira afirma que introducirá medidas de aforro na súa fábrica de Lourizán para paliar os actuais efectos da falta de auga. A empresa sinala que estas medidas están a executarse desde o mes de agosto, aínda que o portavoz municipal de Pontevedra, Raimundo González, sinalaba que non se detectou unha mellora durante os últimos días.

Segundo a fábrica pasteira, Ence está a manter un compromiso co aforro da auga e, neste sentido, afirma que nos últimos dez anos, grazas a mellores prácticas e tecnoloxías, rexistrouse o maior aforro de auga dentro da comarca de Pontevedra.

Ence está a traballar no deseño da nova depuradora que permitirá reducir nun 90% o uso de auga. Desde a empresa enténdese que este cambio converterá á fábrica de Lourizán na que, dentro do seu sector, menos consumo de auga realice por tonelada producida.

Desde a empresa indícase que para poder levar a cabo esta infraestrutura é necesario o visto e prace do Concello de Pontevedra, que xa manifestou que non deixará á pasteira acometer novos investimentos. 

Neste sentido, desde a dirección da fábrica afírmase que Ence tivo que paralizar o proxecto de integración paisaxística da factoría na cidade debido aos impedimentos do Concello para que se realicen as obras as instalacións.

Arquivado en