A empresa Ence –Energía y Celulosa reduciu os seus resultados nun 41% e logrou un beneficio neto no primeiro trimestre de 17,3 millóns de euros.
Os responsables da compañían xustifican estes datos no aumento dos inventarios de celulosa de cara á parada da fábrica de Navia, que será máis longa do habitual para aumentar a súa capacidade en 80.000 toneladas, polo efecto contrario nas liquidacións do tipo de cambio e por unha maior porcentaxe de vendas no mercado fóra de Europa.
As perspectivas do mercado da celulosa de fibra curta continúan sendo moi favorables debido ao crecemento continuado da demanda e á ausencia de grandes incrementos de capacidade durante os próximos anos.
De novo, a dirección da pasteira insiste en que "ante a inseguridade xurídica" xerada polo cambio de criterio da Dirección Xeral de Costas en relación á prórroga da concesión de Ence en Pontevedra, "a compañía decidiu conxelar todos os investimentos non comprometidos nesta planta" e iniciar os traballos de enxeñería necesarios para concentrar os investimentos na fábrica de Navia, mantendo os obxectivos do seu Plan Estratéxico 2019 – 2023.
Finalmente o consello de administración de Ence ratifica que "non existe outro emprazamento viable nin económica nin tecnicamente en Galicia para recolocar a planta de Pontevedra no caso de que esta desaparecese".
"ESTRATEXIA DE CORRUPCIÓN"
Os cambios recentes no Consello de Administración de Ence, incluída a reelección da exministra de Medio Ambiente, Isabel Tocino e o ascenso do conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, foron valorados pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR).
Con esta decisión, segundo a APDR "Ence consolida as portas xiratorias con dirixentes do PP que participaron en postos estratéxicos de gobernos estatais ou da Xunta de Galicia, cara a medrar a súa influencia e manter os seus privilexios".
"Pese a esta estratexia de corrupción", desde a APDR afirman que "non imos a renunciar ao saneamento e recuperación da Ría".