Un total de 342 proxectos presentáronse á primeira convocatoria de axudas do Plan Social de Ence en Pontevedra. Unha vez que se pechou o prazo a Comisión de Seguimento do Pacto Ambiental decidirá a repartición do diñeiro antes do próximo 30 de abril, segundo informou a empresa pasteira nun comunicado.
Forman parte desta comisión dous representantes da Xunta de Galicia e outros dous por parte de Ence.
O maior número de solicitudes de financiamento concéntranse na área de "Apoio ao Deporte de Base", con 121 solicitudes, e na de "Impulso ao Emprendemento e a Economía", con máis de 70 proxectos presentados. Os programas de "Apoio á Educación e a Cultura", así como a "Loita contra a Exclusión Social" recibiron preto de 40 solicitudes cada un.
O compromiso recollido no pacto ambiental é que este grupo empresarial destinará cada ano un máximo de tres millóns a programas de carácter social na comarca.