Ence ofrece ao alcalde a súa colaboración para o pacto municipal polo emprego

Pontevedra
14 de xaneiro 2016

Logo da reunión celebrada esta semana polo Consello Económico e Social de Pontevedra (CES), no que diversos representantes sociais mostraron o seu apoio á continuidade da fábrica de Ence en Lourizán, a compañía quere ofrecer a súa "completa colaboración" para levar adiante o pacto polo emprego alcanzado na devandita reunión

Complexo industrial de ENCE-Elnosa en Lourizán
Complexo industrial de ENCE-Elnosa en Lourizán /

Logo da reunión celebrada esta semana polo Consello Económico e Social de Pontevedra (CES), no que diversos representantes sociais mostraron o seu apoio á continuidade da fábrica de Ence en Lourizán, a compañía quere ofrecer a súa "completa colaboración" para levar adiante o pacto polo emprego alcanzado na devandita reunión.

Neste sentido, Ence envioulle unha carta ao alcalde do Concello de Pontevedra, na súa calidade de presidente do CES, na que lle lembra a "potencialidade de crecemento económico de Pontevedra a partir do sector forestal".

Na misiva Ence recorda que Pontevedra concentra unha escola de Enxeñería Forestal, un centro de formación de capataces forestais, 3 centros de investigación relacionados total ou parcialmente con cuestións forestais, "e á principal empresa forestal de España por facturación", a fábrica de celulosas.

"Ence quere poñer o seu coñecemento no sector a disposición de Pontevedra e a súa comarca", afirman no escrito.

A carta envióuselles tamén a representantes de todas as organizacións que forman parte do CES. Nela lémbrase, ademais, que o sector forestal "está chamado a ser un dos motores de crecemento e innovación da Unión Europea", tendo en conta que a Comisión Europea cre que a bioeconomía debe apalancar o futuro económico e ambiental do ámbito comunitario.

A empresa tamén lle solicita ao CES poder participar nunha das súas próximas reunións para facer unha presentación sobre estes asuntos "co ánimo de achegar información que poida resultar útil para este organismo consultivo".

Ence fai ademais referencia ao seu "total compromiso co emprego", que se sustanciará, aseguran, a través dos diversos proxectos de investimento e de contribución ao emprendemento que a empresa proxecta poñer en marcha en Pontevedra "como parte da nova Ence Pontevedra resultado da hipotética renovación da concesión pola que opera en Lourizán", conclúen.