A empresa Ence negou que a posta en marcha do seu novo proxecto na súa fábrica de Pontevedra supoña unha ampliación das súas instalacións ou o aumento da súa capacidade actual de produción.
A través dun comunicado, a compañía asegura que o plan "Pontevedra Avanza", que recolle un investimento duns 120 millóns de euros, "non supón, en ningún caso, unha ampliación da fábrica, senón que constitúe unha mellora integral da instalación".
Con esta actuación, que Ence incluíu no seu marco estratéxico 2024-2028, a empresa busca reducir o consumo de madeira e auga para producir as mesmas toneladas de celulosa.
A modificación do plan sectorial de Ence, defende a empresa, inclúe actuacións para reducir o consumo de auga en ata un 40%, facendo posible que a fábrica continúe operando en períodos de seca, sen afectar o caudal do río Lérez nin ao consumo cidadán.
Ademais, Ence sostén que se mellorará a eficiencia da produción de pasta de celulosa, reducindo a cantidade de madeira consumida por tonelada de pasta en ata 60.000 metros cúbicos de madeira ao ano.
Este proxecto inclúe tamén medidas encamiñadas á descarbonización da instalación, a través da substitución de combustible fósil polo consumo de enerxías renovables ou da redución do consumo de enerxía eléctrica.
Outras melloras ambientais incluídas neste plan permitirán, segundo a empresa pasteira, reducir as emisións olorosas e o impacto acústico ou mellorar os produtos que se elaboran.