ENCE incorpórase á Alianza polo Clima de Galicia e anuncia a presentación do plan estratéxico a primeiros de 2024

Pontevedra
13 de novembro 2023

Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda da Xunta de Galicia e conselleira de Medio Ambiente, asinaba este luns nas instalacións da pasteira en Lourizán con Antonio Casal, director territorial de Ence en Galicia, o acordo destinado a frear os efectos do cambio climático na comunidade autónoma

Ence incorpórase á Alianza polo Clima en Galicia
Ence incorpórase á Alianza polo Clima en Galicia / Mónica Patxot

Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda da Xunta de Galicia e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, visitaba este luns as instalacións de Ence en Lourizán para asinar co director territorial de Ence en Galicia, Antonio Casal, a adhesión da empresa pasteira á Alianza polo Clima de Galicia, que ten como obxectivo avanzar na mellora ambiental e poñer freo aos efectos do cambio climático na comunidade.

Antonio Casal manifestou na súa intervención que a entidade esta disposta a colaborar en iniciativas destas características: "Temos demostrado o compromiso de Ence polo Medio Ambiente", segundo apuntou citando os avais de recoñecemento nacionais e internacionais. 

Expresou tamén que sumarse á Alianza polo Clima de Galicia é unha "oportunidade para seguir avanzando no desenvolvemento industrial sostible" e citou a defensa do patrimonio natural como un dos obxectivos da empresa reivindicando que está "fortemente vinculada con Galicia".  

Pola súa banda, Ángeles Vázquez, en representación da Xunta, destacou a importancia desta incorporación de Ence á alianza na que xa figuran preto dun centenar de entidades.

Argumentou que se trata dunha empresa líder en canto ao tratamento sustentable de celulosa e unha "compañía clave" para o sector forestal con compromiso no uso de enerxías renovables, preocupada por reducir o consumo de auga no seus procesos industriais e polo encaixe paisaxístico coa contorna, ademais de comprometida socialmente coa cidadanía. 

A alianza baséase na mellora colectiva do coidado do medio ambiente e en lograr os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e da Axenda 2030 coa intención de reducir en Galicia os efectos da emerxencia climática a través da colaboración con diferentes axentes sociais e empresariais.

Antonio Casal indicou, neste sentido, que a empresa achegará a súa propia experiencia "para axudar" a lograr estes obxectivos e especificou que os investimentos económicos non se contemplan neste marco de colaboración público-privada.

Avanzou tamén que no primeiro trimestre de 2024 se coñecerá publicamente o plan estratéxico de Ence para os próximos anos. "Estamos vendo as posibilidades que ten a biofábrica", concluíu.

Pola súa parte, a conselleira incidiu nas súas queixas polo recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central á Lei do Litoral de la Xunta de Galicia. Avanzó que ese recurso "non tería lóxica" se finalmente o Goberno de Pedro Sánchez transfire ao executivo vasco as competencias sobre xestión e ordenación do litoral.