Ence non descarta construír unha planta de biomasa en Pontevedra. Así o asegura a empresa nun comunicado remitido aos medios este mércores. A compañía garante "con rotundidade" a súa construción en Lourizán e matiza que se atrasa unicamente por unha cuestión de prazos.
A compañía pasteira explica que o concurso de enerxía renovable, fallado en xaneiro de 2016, concedeu a Ence a xestión dunha planta de biomasa de 40 megawatts.
As condicións desta adxudicación esixen que a planta estea en funcionamento antes de marzo de 2020. Ademais, os bancos que financian a construción esixen por seguridade que a construción estea finalizada en setembro de 2019.
Estes prazos temporais, tendo en conta que as obras durarían uns dous anos, obrigan a Ence a iniciar a súa construción, como moi tarde, en setembro deste ano. E iso, en Pontevedra é imposible.
Todos os investimentos comprometidos por Ence en Pontevedra deben ser incluídos, lembran desde a empresa, dentro do plan sectorial de incidencia municipal. Estano todas as que se farán en Lourizán, salvo a planta de biomasa.
A modificación deste plan, aprobado no seu día pola Xunta de Galicia, require unha tramitación que duraría uns dous anos, o que imposibilitaría a súa entrada en funcionamento nos prazos esixidos polo concurso público.
Por iso, Ence optou por priorizar a planta de Huelva en detrimento do proxecto de Pontevedra que, en todo caso, mantense entre as previsións da compañía para o seguinte plan estratéxico.
CRÍTICAS DO PP AO CONCELLO
Con respecto ao contido deste comunicado, o portavoz municipal do PP, Jacobo Moreira, criticou as "desafortunadas" declaracións do alcalde e lembrou que "o non polo non" que mostra o BNG con respecto a Ence "non conduce a nada".
"É lamentable que un alcalde se alegre pola perda de investimentos e de postos de traballo para os veciños de Pontevedra", sinalou Moreira a través dun comunicado, que sinala que se non se constrúe esta planta ou non se rehabilita o pazo de Lourizán "quen perde son os veciños, nin Ence nin o Partido Popular".
Os populares critican que Pontevedra sexa unha cidade "hostil" para a industria e aseguran que a "falta de xestión" do goberno municipal provoca que a cidade perda "competitividade" fronte a outras localidades onde as empresas "tardan menos" en conseguir as súas licenzas.