Ence Fóra volve clamar na rúa contra a prórroga á pasteira

Pontevedra
04 de xuño 2016

Notable participación cidadá na protesta convocada pola Plataforma Ence Fóra e a Federación Ecoloxista Galega, coa tradicional marcha ata a fábrica de Lourizán desde as alamedas de Pontevedra e Marín. "Nunca se debeu dar esta prórroga e ademais estase dando dunha forma que pode ser mesmo ilegal", denuncia o presidente da APDR, Antón Masa

Manifestación de Ence Fóra da Ría para Sempre
Manifestación de Ence Fóra da Ría para Sempre

A Plataforma Ence Fóra da Ría Para Sempre e a Federación Ecoloxista Galega volveron mostrar o rexeitamento dunha importante parte de pontevedreses á continuidade de Ence en Lourizán.

A tracional marcha ata a pasteira, con saída desde as alamedas de Pontevedra e Marín, converteuse nesta ocasión nun clamor contra a prórroga de 60 anos "concedido por un goberno en funcións", lembrou o presidente da Asociación Pola Defensa da Ría, Antón Masa.

"Nunca se debeu dar esta prórroga e ademais estase dando dunha forma que pode ser mesmo ilegal", sinalou o representante da APDR  ao asegurar que "Ence segue incumprindo a lexislación 91/271CE que ten que ver coas verteduras á ría. Cremos que tamén está a vulnerarse o regulamento xeral da Lei de Costas porque di claramente que non se pode prorrogar unha concesión que ten aberto un expediente de caducidade", concluíu antes da saída da marcha.

Numerosos colectivos apoiaron a protesta. Tamén partidos políticos con representantes locais, rexionais e estatais, como a candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, a portavoz parlamentaria do Partido Socialista de Galicia, Patricia Vilán, ou as deputadas de En Marea no Congreso nesta breve lexislatura, Alexandra Fenández e Ángela Rodríguez, entre outros, ademais de representantes do goberno local de Pontevedra e de municipios próximos.

Entre as consignas dos presentes, tamén se escoitaron reivindicacións polo saneamento integral da ría e contra a eucaliptización que provoca a presenza da pasteira, como rezaba a pancarta principal da manifestación.

Arquivado en