ENCE estuda a construción en Pontevedra dunha nova planta de biomasa

Pontevedra
15 de xaneiro 2016

Pontevedra, Villaturiel (León) e Huelva son os tres posibles emprazamentos da planta de biomasa de 40 megavatios que lle foi adxudicada á compañía na poxa de enerxía renovable organizada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo

Camión de madeira entrando en Ence
Camión de madeira entrando en Ence / Mónica Patxot - Fotos de arquivo

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través dunha poxa, adxudicou a Ence os dereitos de explotación dunha planta de xeración de enerxía renovable con biomasa de 40 megavatios.

Así o anunciou este mércores a compañía nun comunicado no fixa tres posibles localizacións para a instalación: Pontevedra, Villaturiel (León) e Huelva.

"A compañía xa empezou a avaliación do emprazamento desde o punto de vista da dispoñibilidade de biomasa, así como das vantaxes e facilidades administrativas e institucionais que poida atopar o proxecto", sinala a Compañía, sendo decisivo "a que ofreza as mellores condicións nestes apartados".

A adxudicación é provisional, pois aínda debe ser confirmado pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e publicado pola Secretaría de Estado de Enerxía.

Avanzar no negocio da enerxía renovable é un dos puntos do Plan Estratétigo da empresa para o período 2016-2020.

Segundo Ence o proxecto xeraría "uns 750 postos de traballo sustentables, tanto no emprazamento final como nas comarcas de recollida da biomasa".