ENCE estima que a súa fábrica en Pontevedra retomará a súa actividade a mediados de novembro

Pontevedra
27 de outubro 2022

O proceso de posta en marcha será progresivo, unha vez obtidos os permisos necesarios e rematados os traballos de mantemento e reparación da infraestrutura de captación de auga danada durante o período de inactividade. Ence agarda acadar un ritmo de produción normalizado na segunda semana de decembro

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

A paralización temporal da actividade da fábrica de Ence, que ten a súa produción parada desde xullo pola seca na conca do río Lérez, non afectou á conta de resultados da compañía.

Así, durante o terceiro trimestre do ano, a empresa enerxética rexistrou un beneficio neto de 22 millóns de euros, vinte máis que os acadados no mesmo período de 2021. Entre xaneiro e setembro, segundo as súas contas, o grupo acumulou beneficios por 67 millóns.

No seu informe, a propia Ence subliña que a suba do prezo da celulosa e a mellora do tipo de cambio mitigaron o efecto da citada paralización temporal da fábrica de Pontevedra e compensaron a inflación xeneralizada no custo das materias primas. 

A empresa estima que a planta de Lourizán poderá retomar a súa actividade produtiva na segunda semana de novembro, grazas a unha solución en fase de probas para reaproveitar a auga da depuradora dos Praceres e minimizar o consumo de auga fluvial.

O proceso de posta en marcha será progresivo, unha vez obtidos os permisos necesarios e rematados os traballos de mantemento e reparación da infraestrutura de captación de auga danada durante o período de inactividade.

Ence agarda acadar un ritmo de produción normalizado na segunda semana de decembro.

Con respecto ao seu futuro, a comunicación que a compañía remitiu á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) subliña que o Tribunal Supremo aprazou a data para a votación e sentenza do primeiro recurso de casación presentado contra a anulación da súa prórroga.

A intención do alto tribunal é facer coincidir a votación e a sentenza dos dous recursos. É "previsible", segundo a empresa, que nos próximos meses se publique a sentenza.