O vicepresidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio Colmenares, apuntou que a compañía espera que a tramitación da autorización da planta de biomasa en Lourizán conclúa nuns dous anos.
Na súa intervención ante a xunta de accionistas, o vicepresidente destacou os "importantes investimentos" a realizar por parte de Ence para "impulsar a eficiencia da fábrica e aumentar a súa capacidade de produción de celulosa".
Colmenares sinalou que "coa prórroga estamos a converter Pontevedra nun inmellorable escaparate do que somos en Ence e do que facemos".
O conselleiro delegado destacou o proxecto de integración paisaxística do centro de operacións e a construción da central de biomasa de 40MW, que "supoñerá unha substancial redución de custos" e do que "esperamos que a tramitación da autorización desta planta conclúa no prazo duns dous anos e teñamos de novo éxito nas seguintes poxas de renovables", afirmou.
Ademais Colmenares asegurou que "imos crear moito emprego en Pontevedra e imos aumentar notablemente a nosa produción".
Pola súa banda o presidente de Ence, Juan Luís Arregui, afirmou que "a biomasa debe ter un papel relevante e protagonista na transformación enerxética que necesita España".
Na xunta xeral de accionistas destacouse que a prórroga foi concedida porque a fábrica "é referente ambiental do seu sector en Europa e cumpre holgadamente a esixente normativa ambiental europea", remarcou o Ignacio Colmenares.
O conselleiro delegado de Ence fixo así mesmo referencia a "significativos compromisos" coa comunidade galega, como, por exemplo, a creación dun Centro de I+D especializado na explotación sustentable dos recursos forestais, así como a colaboración na ampliación e modernización da Estación Depuradora de Augas Residuais de Pontevedra, Poio e Marín.
"Esta iniciativa contribuirá a solucionar definitivamente o problema de contaminación por augas fecais urbanas da Ría de Pontevedra. Un problema non causado por Ence, pero que queremos axudar a paliar dado o noso convencemento da importancia de que convivan na contorna da ría unha diversidade de actividades económicas e sociais", destacou Colmenares.
Ence alcanzou en 2016 un beneficio neto de 38,7 millóns e un EBITDA axustado de 42,2 millóns de euros no cuarto trimestre. Ademais, a compañía reduciu a súa débeda neta un 9,5% en 2016. A compañía presenta unha sólida solvencia financeira: o cociente de débeda neta de Ence é de 1,6 veces o EBITDA, o máis baixo do seu sector.