ENCE e o 'día da marmota'

Pontevedra
22 de novembro 2021

Unha nova moción relativa a Ence levou a todos os grupos a repetir por enésima vez os seus respectivos argumentos no pleno municipal, sen que ningún deles se movera nin un só milímetro dunha postura xa coñecida dabondo por todos os cidadáns

Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra
Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra / Mónica Patxot

En Atrapado no tempo, Bill Murray espertaba unha e outra vez no mesmo día. A pesar dos esforzos do seu protagonista, nada cambiaba ao seu ao redor. Algo que se describiu como o 'día da marmota'. Esa mesma sensación viviuse no pleno municipal de novembro.

Unha nova moción relativa a Ence levou a todos os grupos a repetir por enésima vez os seus respectivos argumentos, sen que ningún deles se movera nin un só milímetro dunha postura xa coñecida dabondo por todos os cidadáns.

O PP reclamou sen éxito que a corporación municipal apoiase o informe do Consello Consultivo que avala a adscrición ao porto dos terreos que ocupa a fábrica pasteira, ao entender que sería unha solución político-xurídica á "compleja" situación que atravesa Ence.

Rafa Domínguez lamentou que unha decisión do Concello deixase "desamparadas" a unhas 500 familias de Pontevedra ao presentar un recurso "irresponsable" contra a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy ata 2073.

"Se van a ir a la calle por esta decisión", lamentou Domínguez, que vinculou este feito con que haxa mozos "que no podrán cursar sus estudios" ou cidadáns que "no podrán pagar sus hipotecas" na cidade galega con máis paro "de manera reiterada y continua".

O socialista Tino Fernández asegurou que o PP "vive nun mundo paralelo" no que só respectan as decisións xudiciais "se lles convén". Recomendoulles que "presionen" á Xunta para buscar unha solución para Ence e non esconderse baixo "subterfuxios esperpénticos".

Engadiu que a disxuntiva sobre a fábrica resúmese en que ou ben o Supremo revoga a sentenza "e nos comemos a Ence con patacas ata 2073" ou se confirma o fallo da Audiencia Nacional e tense que ir de Lourizán. Por iso é polo que, para esta segunda opción, insistise que "entre todos" hai que buscar unha localización alternativa".

César Mosquera, pola súa banda, apuntou que un ditame do Consello Consutivo sobre unha competencia do Estado "non ten sentido" e lembrou que a posibilidade de adscribir os terreos de Ence ao porto é unha "vía cegada" desde 2004.

O PP, segundo o edil do BNG, "quere os que traballadores se vaian á rúa" ao negarse a buscar unha solución para a fábrica de Pontevedra e "aferrarse" a unha alternativa "imposible" porque, entre outras cousas, sería unha "prevaricación de libro".

REXEITAMENTO AO CONCURSO PARA O CARTEL DO ENTROIDO

O goberno municipal tamén rexeitou a proposta do PP para que se convocase un concurso público cada ano para deseñar o cartel do Entroido para acabar co "escurantismo" e dar oportunidades a artistas "que queiran impulsar a súa carreira".

A edil de Festas, Carme da Silva, lamentou que de todos os carteis que encarga o Concello todos os anos "só lles preocupe este", algo que vinculou co seu "empeño por denostar" a Kiko Dasilva, "un dos mellores ilustradores gráficos que temos en Galicia".

A mesma sorte correu a terceira moción presentada polos populares, que esixían melloras no gastromercado da praza de abastos para convertelo nun lugar "atractivo" xa que, segundo Pepa Pardo, "se está dejando morir poco a poco" debido a unha xestión "pésima".

Yoya Blanco, responsable de Promoción Económica, defendeu o traballo do seu departamento para mellorar as condicións do gastromercado e, entre outras cuestións, anunciou a posta en marcha dunha campaña para erradicar a presenza de pombas.

A única iniciativa que foi aprobada nesta sesión foi a presentada por Goyo Revenga, o edil non adscrito, que solicitaba ao Concello adaptar toda a rede semafórica ás necesidades das persoas con discapacidade sensorial.

TRES AUSENCIAS POR COVID-19

Ao pleno non acudiron presencialmente tres dos catro edís do PSdeG-PSOE. Un deles, Iván Puentes, deu positivo por covid-19. Dous dos seus compañeiros, Yoya Blanco e Marcos Rey, a pesar dar negativo optaron por illarse por prudencia, ao compartir despacho con el.