A empresa Ence e as tres confrarías do fondo da Ría, os pósitos de Lourizán, Pontevedra e Raxó, asinaron o convenio de colaboración polo que a empresa poñerá a disposición das mariscadores unha embarcación. O barco será utilizado para o proxecto de rexeneración dos bancos marisqueiros da Ría.
O convenio refírese, na súa exposición de motivos, á "decidida vontade de cada unha das partes de promover a rexeneración dos bancos marisqueiros e a definitiva mellora ambiental da Ría de Pontevedra".
A embarcación, que se denominará "Lonxa de Campelo", realizará diferentes tarefas necesarias para a recuperación de areais para a produción marisqueira. Podería definirse como un tractor para o mar.
O barco procede dunha explotación acuícola de Carril e será obxecto dunha profunda posta a punto nas próximas semanas. Mide 11 metros de eslora e está equipado coa instrumentación necesaria para o traballo nos cultivos marisqueiros. O seu custo rolda os 100.000 euros.
Este convenio xorde a iniciativa das tres confrarías, agrupadas na lonxa de Campelo. En maio solicitaron apoio a Ence para este proxecto. O 2 de xuño, ambas as partes anunciaron que alcanzaran un acordo. O convenio vén enmarcar os detalles da colaboración. A empresa xa iniciou a adquisición da embarcación.