Ence e a AECC únense no Programa de Préstamo de Material Ortopédico

Pontevedra
14 de outubro 2017

En apenas dous días, deuse saída a todo o material que a Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra adquiriu grazas á axuda do I Plan Social de Ence. Trátase de material ortopédico, moi demandado, como é o caso das camas articuladas ou as cadeiras de rodas.

Material adquirido coa axuda de Ence
Material adquirido coa axuda de Ence / AECC

En apenas dous días, deuse saída a todo o material que a Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra adquiriu grazas á axuda do I Plan Social de Ence, a través do seu Programa de axudas a entidades que loitan contra a exclusión social. Trátase de material ortopédico, moi demandado, como é o caso das camas articuladas ou as cadeiras de rodas.

A axuda de Ence vén reforzar o Programa de Préstamo de Material que leva funcionando 20 anos na sede da AECC de Pontevedra. Nesta ocasión, foi a Xunta Local de Marín a que xestionou a solicitude. Coa súa presidenta, Emilia Rey Parada, coñecemos todos os detalles deste proxecto:

- O obxectivo da Asociación Española contra o Cancro é axudar ao paciente en todas as súas necesidades e á familia. Unha das moitas actividades que facemos é o préstamo de material. E a axuda que solicitamos e que Ence nos concedeu foi para isto, para a compra de material orrtopédico, o cal se presta de forma gratuíta a todos os enfermos que o solicitan. O que se lle solicitou foi: catro camas eléctricas, colchóns antiescaras, cadeiras de rodas, un guindastre e un elevador. Xa o ano pasado axudamos (só co servizo de préstamo) a 125 enfermos.

Como é o proceso para poder solicitar este material?

- Eu, como Xunta Local, poño en contacto ao enfermo coa sede de Pontevedra. Aviso aos psicólogos, á traballadora social... eu son ao final como unha intermediaria (...) E a traballadora social, neste caso, encárgase de avaliar as necesidades de quen solicita o préstamo e levar un control porque, no caso do material ortopédico, este devólvese unha vez que o enfermo non o necesita. O que facemos con isto é axudar a mellorar o benestar do enfermo e a contorna familiar, facilitarlles un pouco o proceso da enfermidade, que é duro.

O Programa de Préstamo de Material leva funcionando na AECC de Pontevedra dende hai 20 anos. Cales son os materiais máis demandados?

- Entre os materiais que prestamos, as camas son moi demandadas, tamén as cadeiras de rodas ou os guindastres, cando xa están os enfermos na última fase. No caso das perrucas, a xente, cando supera a súa enfermidade, dóaas e, antes de poñelas en préstamo, lávanse e desinféctanse con todas as medidas de hixiene. Tamén coas cadeiras, cando unha familia ten unha que comprou e xa non a necesita, tamén a trae á Asociación ou contacta connosco e ímoslla recoller.

Teño entendido que, mesmo con este empuxón por parte de Ence, no Programa de Préstamo de Material segue habendo lista de espera.

- Si. Por desgraza, cada vez a xente demanda máis axuda. Non é como antes, que parecía que lle daba máis vergoña, agora non. (...) E é que un enfermo en casa altera toda a contorna familiar, máis se o que enferma é o que fai a manutención familiar, o que fai a achega económica. Entón, non todos os enfermos teñen medios económicos e quen vai solicitar o material é porque non ten estes medios (...) Por iso é bo que a xente saiba que nós prestamos as cadeiras, os guindastres... todo o que poidan necesitar.

Cal é o proceso que ten que seguir un enfermo de cancro ou a súa familia para acceder a este servizo?

- Calquera persoa que o necesite, que chame á Asociación e alí váiselle escoitar e atender. Aí xa tes un apoio psicolóxico que che vai axudar ao primeiro impacto, a ir soportando a enfermidade e todas esas preguntas que temos de "por que a min?", pois a psicóloga está aí para axudarche a superar este transo. Despois, se tes unha dificultade económica, entón a traballadora social e o equipo fan un estudo da túa situación e vanche axudar. En función das túas necesidades, podes ter unha axuda económica, unha axuda na obtención de medicamentos, unha axuda se necesitas nun momento determinado acceder ao Banco de Alimentos ou para que che poida levar Cruz Vermella, axudarche a facer os papeis, a presentar unha baixa ou a solicitar unha baixa definitiva ou unha axuda da Seguridade Social...

A axuda de Ence solicitouse para cubrir as necesidades dos pacientes de Pontevedra, Marín e Bueu. Para máis información, pódese contactar directamente coa presidenta da Xunta Local de Marín, Emilia Rey Parada, no teléfono 609 748 018, ou na propia sede en Pontevedra da Asociación Española contra o Cancro, na rúa Augusto González Besada, número 9, co teléfono de contacto 986 865 220.

Arquivado en